Ourense,
09/05/18 (12:27)
"Presentar as investigacións, produtos e servizos dispoñibles en Galicia para impulsar un envellecemento activo, autónomo e saudable". Este será o principal obxectivo da 11ª edición de Galisenior, 'Salón Internacional das Persoas Maiores', que se celebra en Expourense os días 9 e 10 de maio. Trátase da única feira destas características que se celebra no noroeste peninsular e que está especialmente dirixida a un núcleo de poboación que representa o 25% da demografía galega, as súas familias e aos profesionais que traballan neste sector. Galisenior reúne ademais a todos os axentes sociais galegos, públicos e privados, involucrados na atención ás persoas maiores como son as distintas administracións, diferentes empresas do sector, a Universidade, colexios profesionais e numerosas asociacións e federacións de toda Galicia.
A 11ª edición de Galisenior foi presentada en Expourense nun acto no que participaron a delegada territorial da Xunta de Galicia, Marisol Díaz Mouteira; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández Fernández; a concelleira de Asuntos Sociais do Concello de Ourense, Sofía Godoy Gómez-Franqueira; o coordinador do Programa de Maiores da Universidade de Vigo-Campus de Ourense e presidente do comité asesor de Galisenior 2018, Alberto Vaquero García; e o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín Carballo.
Todos eles coincidiron en que esta cita "é un foro que nos servirá ás distintas administracións para escoitar as opinións das propias persoas maiores respecto dos servizos que se lles prestan". Tamén se indicou que o obxectivo desta feira é ofrecer unha imaxe positiva da vellez e buscar o incremento da calidade de vida e do benestar dos maiores. Como é habitual, Galisenior 2018 virará sobre tres temas: as xornadas técnicas dirixidas aos profesionais, ás actividades dirixidas ás persoas maiores e á área expositiva onde participarán entidades e empresas para presentar produtos e servizos especializados.
Feira
Participarán en Galisenior 2018 un total de 45 expositores. A nivel institucional, estarán representados tanto o Imserso, como a área de Benestar da Deputación Provincial de Ourense, a Concellería de Política Social e o Concello de Ourense, a través da Concellería de Asuntos Sociais. Todos aproveitarán a súa presenza no salón para dar a coñecer as políticas sociais que están a poñer en marcha e para comunicarlles aos maiores, ás familias e aos profesionais que traballan con eles, todos aqueles servizos dos que poden beneficiarse. Outras entidades como colexios profesionais, asociación e federacións, organizarán distintas actividades á vez que contarán cunha caseta desde o que presentar as súas finalidades, destinadas a mellorar a calidade de vida dos maiores especialmente cun enfoque preventivo.
Empresas provedoras de produtos e servizos especializados completarán a exposición e realizarán tamén propostas prácticas para fomentar un envellecemento activo e saudable. Entre os sectores representados atópanse residencias; centros de día; mobiliario e equipamento adaptado; axudas á mobilidade; servizos de atención á dependencia; formación e beleza e estética.
Xornadas ténicas profesionais
As xornadas técnicas de Galisenior convértense un ano máis no punto de encontro para os profesionais dos sectores sociosanitario e xerontolóxico de Galicia e do Norte de Portugal e tamén para os coidadores de maiores e dependentes. Nelas, 40 expertos abordarán desde distintas perspectivas a situación actual dos maiores na nosa comunidade, contando coa participación dos colexios profesionais de Psicoloxía, Traballo Social, Podoloxía e Educación Social ou Farmacia, investigadores das universidades galegas e do Norte de Portugal e outros expertos.
Varias mesas de traballo integradas por profesionais de distintos ámbitos analizarán temas de plena actualidade como "a calidade asistencial na atención socio-sanitaria", ou o "empobrecemento dás persoas maiores". As investigacións e proxectos promovidos desde as universidades galegas terán ademais protagonismo nestas xornadas. O Grupo de Investigación en Xerontoloxía da Universidade da Coruña presentará a aplicación clínica das súas investigacións e os seus programas de prevención da fraxilidade dos maiores.
Pola súa banda, a Universidade de Vigo tamén presentará nunha mesa redonda o seu Programa para Maiores, así como o proxecto europeo Kipam ('Knowledge is power, age ain´t matter' da tradución, 'O coñecemento é poder, a idade non importa') de ensino universitario para persoas maiores. Nesta mesma mesa participará tamén a Real Institución Benéfico Social Pai Rubinos que puxo en marcha unha experiencia interxeracional que conta con apoio da Fundación Amancio Ortega. Un ano máis, investigadores da Escola Superior de Tecnologia e Gestao de Lamego aproveitarán Galisenior para presentar os seus últimos estudos presentando ademais casos reais.
Estas xornadas tamén abordarán a prevención e tratamento de patoloxías frecuentes entre as persoas maiores galegas como demencias neuneurodexenerativas e Alzheimer ou o coidado dos pés nas persoas con diabetes. Tamén se falará de hábitos saudables antienvellecemento; do papel da innovación tecnolóxica na prevención da dependencia; da importancia de contar cun médico de familia e un farmacéutico "próximo" ou de intervencións asistidas con cans. Pola súa banda, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia organizará un taller sobre 'Cambios na fala, cambios na mente'.
Actividades para maiores
As actividades dirixidas aos maiores e tamén ás súas familias de Galisenior 2018 promoverán un envellecemento activo, saudable e seguro a través do exercicio físico, estimulación da memoria ou traballos manuais. O programa desta edición inclúe máis de 50 actividades, gratuítas, orientadas á estimulación do corpo e da mente. Unha das novidades desta edición será a charla e o taller de 'Musicoterapia xerontolóxica' a cargo do Instituto Xerontolóxico Galego e da Cátedra Cruz Vermella da Universidade de Santiago de Compostela.
No referente á actividade física, Galisenior permite practicar ximnasia, exercicios hipopresivos, coreografías, cachibol, ioga e relaxación, tai-chi ou pilates. Non faltará tampouco a sesión de baile prevista para a xornada inaugural ás 18.30 h. Dentro das actividades relacionadas coa estimulación cognitiva, os visitantes poderán practicar animación á lectura, exercicios de memoria, pintura con témperas, traballos manuais ou participar nas actividades de ludoterapia interxeneracional.
Tema: Xeral
Fonte:
entremayores