Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cartel do evento.

Arranca Ourense ICC Week, a semana da cultura e as tecnoloxías de vangarda

Versión para impresiónSend by email
Ourense, 03/05/18 (14:01)

Xa está en marcha Ourense ICC Week, a semana da creatividade da provincia de Ourense, un completo programa de citas, xuntanzas e acontecementos (conferencias, concertos, obradoiros, quedadas tecnolóxicas, relatorios TIC) con capacidade para converter a provincia galega no eixe arredor do que xira a cultura innovadora de boa parte da Península. A semana, que vén da man da Deputación de Ourense, estará en activo até o domingo 5 de maio. 

Onte celebrouse a xornada inaugural, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, un acto que contou coa presenza da fotógrafa e deseñadora, Ouka Leele; o artista e axitador cultura, Paco Clavel; o documentalista e comisario cultural, Juan Sánchez; a deseñadora gráfica ourensá, María Grande, e o deseñador gráfico, Javier Mariscal. Amais, tamén participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen puxo o foco no variado do programa (tematicamente e tamén en cuestión de formatos) e en como este carácter diverso, no canto de ser unha eiva, forma parte do éxito e da riqueza de Ourense ICC Week. 

Segundo fixo saber, a semana é “tamén unha homenaxe ás persoas que desde Ourense fixeron e fan da nosa provincia un referente en proxectos innovadores de éxito en ámbitos como a industria, a cultura, a historia, o deporte ou as ciencias, sempre coa pegada da nosa terra como selo de identidade e ourensanía".

Entre o 2 e o 5 de maio a Deputación de Ourense desenvolverá un programa de actividades que une modernidade e vangarda coa historia e a tradición de lugares emblemáticos da nosa provincia como son os mosteiros de Rocas e San Clodio, a Casa Museo Otero Pedrayo" e tamén o Campus de Ourense, onde se desenvolverán conferencias, seminarios e actividades culturais e tecnolóxicas.

Na xornada inaugural analizouse a temática da Arte nas portadas, temática sobre a cal o Centro Marcos Valcárcel acolle unha mostra na que se recollen preto de 2.000 portadas de vinilos realizadas por grandes artistas, e na que retrata a importancia das artes visuais na industria musical española a través das portadas de discos. A mostra, comisariada por Paco Clavel e Juan Sánchez, reúne unha ampla representación de artistas plásticos que participaron no deseño de vinilos de bandas e intérpretes musicais españois: Picasso, Miró, Dalí, Antoni Tàpies, Barceló, Mariscal, Pérez-Villalta, Juan Gatti, Ouka Leele, Ceesepe, García- Alix ou Ruben Imichi, son algúns dos nomes que asinaron portadas emblemáticas da nosa cultura musical, reunidas nesta exposición. De seguido, foi a quenda para María Grande e Javier Mariscal, quen falaron sobre A cultura do deseño, e o peche da primeira xornada da Ourense ICC Week tivo lugar no Teatro Principal, co concerto que ofreceu o grupo Morgan.

Programación para o 3 de maio
Este 3 de maio, ás 9.30 horas, a programación da Ourense ICC Week continúa no mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos) coa xornada sobre Patrimonio rupestre europeo. Investigación, xestión e difusión, presentada polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e coordinada polo profesor de arqueoloxía da Universidade Autónoma de Madrid, Jorge López Quiroga, e pola profesora da Universidade de Florencia, Carmela Crescenzi, quen falará, ás 10.00 horas, do patrimonio rupestre mediterráneo; ás 10.30 horas, o director do Museo de Palagianello (Italia), Domenico Caragnano, ofrecerá un relatorio sobre a pintura nas igrexas rupestres de Puglia e Basilicata; ás 11.30 horas o profesor de Historia do Dereito da Universidade de Bari, Antonio G. Mastrangelo, abordará o tema Propiedade na área rupestre de Gravine (Taranto); e ás 12.00 horas, o profesor de Arqueoloxía da Universidade Autónoma de Madrid Jorge López Quiroga exporá o tema da aplicación das novas tecnoloxías en San Pedro de Rocas. Pola súa parte, o profesor da Universidade do Pireo (Grecia) Theodoros Ganetsos tratará, ás 12.30 horas, o tema das análises físico-químicos non destrutivos nas pinturas e frescos, e de seguido, o espeleólogo, escritor e profesor, Alexey Zhalov, falará das vivendas medievais escavadas na rocha en Bulgaria.

Pola tarde, ás 17.00 horas, a programación trasladarase ata o Centro Cultural Marcos Valcárcel para debater sobre o tema Supervivencia na xungla dixital, acto no que participarán os músicos e compositores, Nacho García Vega e Luis Mendo. Ás 18.00 horas arrancará no Campus de Ourense a ICC Gamers, e ás 19.00 horas no Centro Cultural Marcos Valcárcel os humoristas Rober Bodegas e Alberto Casado; a blogueira e ilustradora, Raquel Córcoles; e o xornalista, Juan Ramón Bonet, falarán de humor e creatividade, mesa que será moderada polo xornalista Manuel de Lorenzo.

ICC Gamers
As actividades previstas para os días comprendidos entre o 2 e o 5 de maio inclúen unha quedada informática, a ICC Technium R Encounter, e máis unha competición a gran escala de seareiros dos deportes dixitais, a ICC eSports. Estas accións, abeiradas á etiqueta ICC Gamers, compleméntanse con outra actividade tecnolóxico-dixital de gran interese: a xornada Unha viaxe cara a Sociedade do Coñecemento, prevista para o 4 de maio

Volvendo a ICC Gamers, escaparate das últimas tendencias en videoxogos e deportes en liña, contará coa colaboración da Deputación de Ourense, a Universidade de Vigo, R euskaltel, a Federación Galega de Automobilismo e Mahou.

Indo ao miolo desta vertente de lecer dixital, a xuntanza tecnolóxica ICC Technium R Encounter (incluída en ICC Gamers) botará a andar hoxe ás 18 horas e rematará o 6 de maio á mesma hora, no Pavillón Universitario de Ourense. A edición 2018 da quedada informática terá catro grandes torneos: League Of LegendsCounter Strike Global OffensiveHearthstone Super Smash Bros Brawl. Haberá 4.000 euros en premios en torneos ou en outras actividades lúdicas dentro da party.

A xeito de curiosidade lembrar que na pasada edición, o moañés Aarón González Santomé, acadou un novo récord Guinness do xogo Final Fantasy 10, logo de permanecer 40 horas consecutivas competindo.

Volvendo ao apartado de xogos, este completarase coa devandita actividade ICC eSports, que tamén se celebrará no Pavillón Universitario de Ourense, o 5 de maio ás 10 horas até o 6 de maio ás 15 horas. Dentro desta celebración os torneos que se disputarán serán: FIFA 18, Clash Royale, e GT Sports

Alén destas actividades ligadas ao lecer dixital, a Ourense ICC Week 2018 será moito máis. Haberá, de feito, achegamentos diversos ás novas tecnoloxías, ao humor, á música e mesmo premios para xestoras/es culturais de Galicia. En concreto, no que se refire aos novos sectores emerxentes e ás TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación), o 4 de maio as mulleres tecnolóxicas serán as protagonistas da xornada coa actividade Unha viaxe cara a Sociedade do Coñecemento, que contará coa presenza de diversas expertas-profesionais do noso ámbito innovador. O cometido desta celebración será visualizar ao máximo o importante papel despregado polas nosas mulleres referentes e expertas en tendencias de máxima actualidade, como por exemplo a realidade virtual, a realidade aumentada, o mundo do software, a chamada gamificación (aplicar en actividades da vida real metodoloxías propias dos videoxogos, estimulando a creatividade e a cooperación) ou a economía colaborativa. 

Nesta xornada de mulleres tech, Sara Rodríguez, Cynthia Gálvez e Luz Castro contarán de primeira man o que están a facer e mostrarán o que está por vir en materia de tecnoloxías e, por suposto, en materia de tecnoloxías impulsadas dende o ámbito feminino e con vontade de romper calquera fenda de xénero, incluídas as dixitais.

Por outra banda, na mesma xornada do 4 de maio o presidente da AGAG (Asociación Galega de Guionistas), Nico Campos, falará das novas sobre o futuro dos contidos, os guións e a dirección, achegando as vivencias do sector da man da directora e escritora, Gracia Querejeta, autora de filmes tan destacables como A derradeira viaxe de Robert Rylands ou a máis recente Felices 140.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal