Vigo,
02/05/18 (12:58)
- O foro, que se celebrou de novo en Vigo, reuniu a preto de 200 congresistas de toda España baixo o lema "Superando desafíos e incertezas"
A psicóloga, psicoxerontóloga e responsable da área de psicoloxía no Complexo Terapéutico Xerontolóxico A Veiga (Lugo), Romina Mouriz Corbelle, deixou patente en Vigo que "a humanización no trato ás persoas maiores, especialmente a aquelas con vulnerabilidade cognitiva, é un dos novos grandes retos da Atención Sociosanitaria no noso país". Nese sentido, matizou, "nos últimos tempos, os avances na asistencia dos centros residenciais foron numerosos, ambiciosos e importantes", pero, advirtitió, "En España e na nosa contorna, estes cambios están a implementarse con moito atraso e os modelos ata agora vixentes, non valen, non son sufientes, teñen importantes carencias e déficits para atender a transformada realidade actual, e as novas demandas e necesidades que xera á súa vez o novo tipo de persoa maior actual".
Por iso, sinalou, "é necesario identificar e divulgar algúns destes retos nos modelos de atención actuais, así como fomentar a transferencia de boas prácticas que nos permitan optimizar os nosos esforzos profesionais e, por suposto, mellorar a vida das persoas maiores institucionalizadas.".
Nese sentido, subliñou, "a comunicación pode ser un bo indicador para coñecer as actitudes dos profesionais e, o elderspeak ou fala edadista, os estereotipos negativos que acaban converténdose en prexuízos, representan unha práctica negativa máis habitual do que podemos crer nun primeiro momento" e que, "sen dúbida constitúen mal trato ás persoas maiores" e fronte aos cales Mouriz aposta por que as persoas maiores "tomen as súas propias decisións, é dicir, desenvolver a súa autonomía, instaurar e desenvolver os novos modelos de atención persoal e estender estes principios a nivel profesional e social, especialmente recoñecer a heteroxeneidade do colectivo senior", por que, dixo, "as persoas maiores non son todas iguais, teñen a súa propia idiosincracia".
Estas foron parte das conclusións do relatorio "O bo trato e comunicación coas persoas maiores e o Elderspeak" que Mouriz expuxo no III Congreso Nacional da Confederación de Xubilados, Xubiladas e Pensionistas (Conjupes) que se celebrou en Vigo este 27 de abril baixo o lema "Superando desafíos e incertezas". Un encontro que reuniu a preto de 200 congresistas de toda España co obxectivo de analizar o envellecemento poboacional da sociedade actual e as ferramentas que os equipos profesionais e de atención sociosanitaria teñen ao seu alcance para abordalo de forma positiva.
No mesmo sentido manifestouse o presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX) Miguel Ángel Vázquez Vázquez referíndose a que os estereotipos negativos ou edadismos cara ás persoas maiores ofrecen unha imaxe moi distorsionada deste grupo que deriva na eliminación dos seus dereitos, na xustificación e recurrencia a malas prácticas e mesmo malos tratos na súa atención.
Estes edadismos, argumentou, vértense ademais na comunicación cos adultos maiores simplificando e facendo superficial o diálogo, recorrendo a un ton emocional degradante, condescendiente, aclarando o que se di coma se o interlocutor non entendese o que se fala, estivese a aprender a falar coma se tratásese dun neno pequeno.
O "fala para vellos" non só representa unha linguaxe paternalista, terminou expresando o xeriatra, "senón tamén un estilo de expresión que ten un ritmo máis lento, unha entoación esaxerada, un ton elevado e o vocabulario máis simple que o que se utiliza cun adulto nun discurso normal como recorrer a un xenérico "avó", cando non é o caso, ou para designar a todo o sector poboacional de maiores, falar de que mozo estás ou que ben te conservas, etcétera".
Inauguración
A inauguración correu a cargo do presidente de Conjupes, Vicente Sanz Fernández que destacou os tres ámbitos nos que a entidade quixo centrar este novo encontro: "a preocupación polo mantemento do poder adquisitivo e a viabilidade das pensións, tema preocupante, moi actual e centro de moitos dos nosos debates; o bo trato nas persoas maiores, tanto desde o punto de vista de desterrar o seu aspecto negativo recolleitos no último informe do Imserso de 2016 e a falta de recoñecemento deste fenómeno como un problema social, como a potenciación do bo trato; e o manexo das novas tecnoloxías e o acceso a elas por parte das persoas maiores".
Despois, a doutora en Psicoloxía do Envellecemento Activo da Universidade de Santiago (USC) e Investigadora da Fundación Matia, Sara Marsillas expuxo no seu relatorio "As novas tecnoloxías e as persoas maiores" que "a fenda dixital entre as persoas maiores e o resto da sociedade no seu acceso ás novas tecnoloxías da informacion e a comunicación TIC, xa non o é tanto, o factor idade empeza a non ter tanta importancia", indicou, "con cada xeración que se incorpora a esta etapa da vida vaise estreitando esta fenda dixital".
Con todo, subliñou, "existen varias tendencias na actualidade, influídas polos estereotipos cara á vellez, que atrasan esa eliminación da fenda dixital". Entre elas, "crer que as persoas maiores non se interesan pola tecnoloxía e que terán dificultades por incorporala á súa día a día" ou, pola contra e paradoxalmente, "informatizar a vida dos maiores sen xeito nin dereito".
Por iso, Marsillas definiu o acceso ás TIC das xeracións de máis idade como "un dos grandes retos da sociedade actual" que, debe afrontrarse, "en primeiro lugar, individualmente, desde as propias persoas maiores e, en segundo lugar desde todo tipo de entidades privadas e públicas", porque, asegurou, acceder a estas TIC, "mellora a calidade de vida, fortalece a independencia e a autonomía, mantén un estado de vida activo e saudable e estimula a actividade mental" polo que son imprescindibles para o envellecemento activo e supoñen "unha forma diferente de que as persoas permanezan activas e integradas socialmente".
Por iso, concluíu, "as novas tecnoloxías, e máis concretamente Internet, son moi relevantes para o colectivo senior, xa que poden compensar, potencialmente as perdas relacionadas coa saúde, atrasar a aparición de enfermidades e patoloxías incapacitantes, potenciar o benestar mental e social, mellorar o sentido da competencia persoal, diminuír os niveis de soidade ao aumentar a inclusión, a participación e a interacción social, incrementar o nivel de actividade e mellorar a satisfacción vital".
Estratexia do Imserso
Para concluír a quenda de relatorios, a directora xeral do Imserso, Carmen Balfagón, presentou a "Estratexia Nacional de Envellecemento Activo e o bo trato ás persoas maiores" realizada polo seu departamento que, asegurou, inclúe varias demandas do colectivo de maiores, principalmente "considerar o envellecemento como unha oportunidade e non como un problema". En moitos países da Unión Europea, advertiu, "tratouse aos maiores como un colectivo para apartar, a deixar ao carón, e non se pode permitir desperdiciar toda a experiencia, sabedoría e coñecemento acumulados durante anos, que é o que representa a idade".
Por iso, esta "Estratexia", defendeu, "está realizada principalmente contando coas persoas maiores, precisamente para coñecer cales son as súas necesidades, demandas e situación. Para que se lles escoite, se os atenda, para que lle respecten os dereitos que adquiriron e que se deben adaptar á situación cambiante e actualizada e, sobre todo, poñer en valor o tesouro que representa o coñecemento acumulado da xeración senior".
No documento ponse de evidencia, comentou, "a necesidade de adaptarse aos cambios sociais actuais e ofrecer e entregar ás persoas maiores e con dependencia o que necesiten. Unha opinión que debe prevalecer sobre a normativa". Así, insistiu, "como maior teño que poder decidir sobre todo o que vou facer coa miña vida ata o final". E, demandou, "adaptarse aos cambios da sociedade vixente, como transformar as viaxes do Imserso ao novo tipo de lecer e maneira de ver a vida que teñen as actuais persoas maiores".
Outras lineas incluídas nesta "Estratexia", concluíu a titular do Imserso, son "combater a soidade non desexada, o illamento, a falta de comprensión e entendemento cara ao maior; a potenciación do movemento asociativo e o voluntariado senior; manter as pensións e sistema de vida digna; promulgar a participación activa na sociedade a través de asociacións e mesmo partidos políticos propios, "por que non ter un grupo políticos de maiores no Congreso?" propuxo; e evitar todo tipo de discriminación, principalmente os edadismos, en concreto, dixo, "os que utilizan algúns medios de comunicación, para que prevaleza o bo trato en todas as ordes: físico, psíquico e verbal".
V Premio Nacional Conjupes
Finalmente, entregouse a Antonio Conde Rios, presidente da Asociación Seixo Marín, o V Premio Nacional Conjupes polo seu "labor desinteresado e altruísta na mellora da calidade de vida das persoas maiores, especialmente aquelas con dependencia e discapacidade e pola súa longa traxectoria de atención persoal e profesional ao colectivo senior".
O conselleiro de Política Social da Xunta de Galicia, José Manuel Rei Varela clausurou o III Congreso Nacional de Conjupes poñendo en valor "a experiencia da idade" e instou as administracións e entidades públicas a "avanzar na mellora da calidade de vida" das persoas maiores que representan, engadiu, "a contribución ao progreso e benestar".
"En Galicia unha de cada catro acodes ten máis de 65 anos, temos afortunadamente moitas persoas maiores, o que non é un problema", asegurou, "senón unha oportunidade que na Xunta queremos aproveitar". Nese sentido mencionou os plans e actividades específicos que desenvolve o Executivo galego, "para a mellora da calidade de vida" deste colectivo, pois, garantiu que "a mellora da súa calidade de vida é un dos eixos prioritarios das políticas sociais en Galicia". Nesta liña de actuación enmarcou as accións do Executivo autonómico para reforzamento da atención á dependencia, en especial dos servizos de axuda a domicilio, ata conseguir que "na actualidade máis de 8 de cada 10 galegos con dependencia recoñecida reciban prestación".
Tema: Xeral
Fonte:
entremayores