O Concello da Coruña e a Asociación Pro Persoas Con Discapacidade Intelectual de Galicia (ASPRONAGA) veñen de implantar no Centro Ágora un proxecto piloto que ten como finalidade favorecer o desenvolvemento da autonomía das persoas con diversidade cognitiva ao abeiro do equipamento municipal. O proxecto piloto pon en xogo unha aplicación móbil, a través da cal as persoas usuarias terán acceso a recursos informativos que favorezan a súa independencia. O obxectivo último? Que poidan facer pleno uso das infraestruturas (espazos e servizos) que ofrece o devandito centro sociocultural, poñendo o foco na biblioteca e nos seus moitos recursos.
A iniciativa, posta en marcha polo Servizo Municipal de Bibliotecas coa colaboración da entidade social ASPRONAGA, implicou a instalación de códigos QR na entrada do inmoble e no mostrador. Segundo informa o Concello, os códigos “conteñen información sobre o acceso a servizos nos que a persoa pode estar interesada, como poden ser facerse socia, realizar un préstamo, dirixirse ao mostrador para realizar unha xestión ou ir ao baño”. E engade o Goberno local sobre o funcionamento da iniciativa. “Unha vez que se escanea o QR, este ofrece, a través dunha secuencia en imaxes, pequenos vídeos ou texto de lectura doada, os pasos precisos para tirar proveito do servizo sen necesidade de preguntar a outras persoas, o que favorece o desenvolvemento da autonomía das persoas con diversidade cognitiva”.
O Concello tamén lembra que a Biblioteca Municipal do Centro Ágora comezou a traballar na implantación da aplicación Mefacilyta (un proxecto da Fundación Vodafone que se desenvolveu coa colaboración de máis de 50 entidades sociais e do ámbito da saúde) hai máis dun ano. Este mes de abril, un grupo de usuarias de ASPRONAGA avaliou os distintos pasos recollidos nos desenvolvementos propostos polo persoal da biblioteca e validou o servizo como útil e comprensible.
Rexístrate como: