Xuventude do Concello de Vilagarcía vén de pór en marcha a segunda edición de APPtualízate, un obradoiro sobre as máis novas e innovadoras tecnoloxías dixitais no que se poderán formar 20 mozos e mozas de idades comprendidas entre os 18 e os 35 anos.
Segundo informa o Concello, trátase dunha nova acción de formación non regrada concibida para mellorar as competencias laborais e a empregabilidade do alumnado. O curso consta de 25 horas lectivas que se impartirán do 2 ao 10 de maio na aula CeMIT do Centro de Formación Permanente de Matosinhos. A participación é de balde, e o prazo de inscrición (que se pode facer en liña a través de Google Docs) remata o 26 de abril.
A organización do obradoiro engade que este está deseñado como un curso introdutorio na temática das novas tecnoloxías e no manexo de ferramentas TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación). Os contidos específicos a abordar abranguen o eido de posta en marcha dunha iniciativa empresarial, as aplicacións móbiles, a programación, a robótica ou o GPS.
A Concellería de Xuventude programa por segundo ano consecutivo esta actividade formativa que terá continuidade no mes de xullo co campamento tecnolóxico de Verán. Ambas iniciativas están integradas no mesmo programa, contan con financiamento da Deputación Provincial de Pontevedra a través do plan Concellos 2018 e serán impartidos pola Asociación O Núcleo.
Rexístrate como: