A secretaria xeral da Fundación ONCE, Teresa Palahí, asegurou este mércores que non hai dúbida de que a robótica "é unha das tecnoloxías crave para a inclusión social", que é, á súa vez, un dos principais obxectivos polos que traballa esta entidade.
Palahí fixo estas consideracións no acto de inauguración de Global Robot Expo 2018, a feira internacional de robótica, tecnoloxías afíns e innovación, que tivo lugar en Madrid ata este venres, 20 de abril.
A secretaria xeral da Fundación ONCE compartiu mesa inaugural con Enric Forner, CEO de GR-EX, e con Luís Cueto, coordinador xeral da Alcaldía de Madrid, quen percorreu tamén, tras o acto de apertura, as diferentes casetas expostas na feira.
Na súa intervención, Palahí asegurou que a Fundación ONCE sabe "de primeira man" que a robótica figura entre as tecnoloxías que máis avances experimentou nos últimos anos. "Anualmente levamos a cabo un estudo de vixilancia en tecnoloxía accesible que nos permitiu constatar que os robots non só son cada vez máis intelixentes senón que están a adquirir capacidades moi innovadoras e beneficiosas para todas as persoas", explicou. Desde esta perspectiva, a secretaria xeral da Fundación ONCE detallou que están a xurdir robots con capacidades afectivas, próteses de última xeración e exoesqueletos, que dotan de mobilidade a persoas con parálises ou capacidade de movemento moi limitada. "Tamén estamos a ser testemuñas", proseguiu, "de como a intelixencia artificial foi capaz de dotar a estas máquinas de sentido do tacto e de capacidade para detectar, de antemán, o momento exacto en que unha persoa diabética necesita insulina".
Por todo isto, Palahí convidou aos asistentes a visitar Global Robot Expo, onde poderán atopar robótica de rehabilitación, telepresencia, exoesqueletos e prótese robóticas, cirurxía robótica e tecnoloxía asistencial.
Na súa terceira edición, Global Robot Expo mostrou os avances na Industria 4.0, robótica de servizo, intelixencia artificial e tecnoloxías intelixentes, drons e aeroespacial, tecnoloxía educacional, tecnoloxía para a saúde e impresión 3D. Ademais, houbo conferencias, demos e mesas redondas en tres escenarios, nas que participaron profesionais de recoñecido prestixio.
Rexístrate como: