Un ano máis, e xa van uns cantos, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai achegar o seu apoio á celebración das mulleres tecnolóxicas prevista para o 26 de abril, o Día Internacional das Rapazas nas TIC, un acontecemento sen fronteiras que se dirixe a acadar dous obxectivos ben claros: por unha banda tentar inverter a cada vez menor concorrencia das mozas nos estudos ligados ás novas tecnoloxías e, pola outra, mostrar ante o mundo o importante traballo despregado polas mulleres ao progreso científico-tecnolóxico e as súas grandes contribucións neste eido. O Día das Rapazas nas TIC terá coma sempre edición galega (o día 26) e é aí onde entra en xogo o traballo do CPEIG, que colaborará co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) nas actividades de difusión e concienciación que novamente impulsará o centro na súa sede de Santiago.
Segundo lembra o colexio que preside Fernando Suárez, a devandita é “unha efeméride de ámbito internacional creada para motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren as TIC como un ámbito axeitado para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional”. Respecto do programa previsto, pola mañá (de 11:00 a 12:30 horas) celebrarase como vén sendo costume un coloquio virtual con varias mulleres emprendedoras galegas: emprendedoras, investigadoras e tecnólogas no eido das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), ás que as/os estudantes que participen dende os seus centros de secundaria/primaria conectados vía streaming coas salas do CESGA poderán facer calquera pregunta sobre os seus campos profesionais ou razóns persoais que as levaron a traballar no ámbito tecnolóxico-dixital. As convidadas deste ano son:
Pola tarde, de 17.00 a 19.00 horas, celebrarase unha xornada de portas abertas con actividades TIC divertidas para mozas e mozos de entre 10 a 14 anos: demostracións e obradoiros de impresión 3D, realidade virtual e aumentada, arte dixital, programación, robótica, e, por suposto, unha visita guiada ao corazón do CESGA, o supercomputador Finis Terrae 2. Para esta actividade cóntase co apoio das seguintes entidades: Xunta de Galicia (GAIN, Secretaría de Igualdade, Consellería de Educación e AMTEGA), o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Universidade de Santiago de Compostela (Facultade de Educación, Oficina de Igualdade de Xénero, Woman Emprende), a Universidade da Coruña (Facultade de Informática) e GalsTech, o Grupo de mulleres interesadas en tecnoloxía de Galicia. O evento a nivel internacional vén da man da International Telecommunications Union (ITU).
O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) é impulsor do proxecto europeo ICT-Go-Girls! (promoción do emprendemento das rapazas de Secundaria a través das TI) xunto co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). A iniciativa diríxese ás rapazas dos primeiros anos de Secundaria para proporcionarlles unha imaxe “máis atractiva do mundo do emprendemento tecnolóxico” e lograr así unha maior presenza feminina no eido das TIC. Amais das ditas entidades, tamén ten colaborado nas actividades o Concello de Santiago, sumándose deste xeito a esta fronte común contra a fenda dixital de xénero.
Contra os prexuízos e as ideas preconcibidas
A cita do 26 de abril é unha actividade de gran importancia para o desenvolvemento da nosa terra no ámbito informático. En concreto, diríxese a combater tendencias, prexuízos e estereotipos e incrementar a presenza feminina no ámbito profesional TIC galego, unha presenza sen a cal (sinxelamente) a sociedade dixital non dará avanzado nin progresado. A xornada tamén pon de relevo cifras inadmisibles, como por exemplo a que reflicte a porcentaxe profesional feminina no ámbito da creación de ferramentas e contidos dixitais, que é só do 9%.
Rexístrate como: