Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cartel da iniciativa.

Identificado o impacto dixital nos 26 postos de traballo con maior demanda para contratar persoas vulnerables

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 18/04/18 (14:11)
  • Trátase do primeiro estudo sobre a transformación dixital e a súa influencia entre os colectivos máis vulnerables.
  • Estes colectivos deben desenvolver habilidades e coñecementos dixitais para realizar as funcións requiridas na era dixital.
  • Coñecer o mundo dixital, os distintos dispositivos móbiles e sistemas operativos, navegar de forma segura, atopar información en internet, a nube e a correcta comunicación nas redes sociais, os coñecementos máis demandados.

 

Xuntos polo Emprego dos máis Vulnerables, a iniciativa impulsada e coordinada por Accenture, realizou o informe "O impacto da transformación dixital nos colectivos vulnerables - Unha nova forma de traballar" onde se identifican os 26 postos nas 5 áreas/sectores (facilities, hostalería e restauración, servizos asistenciais, produción e loxística e distribución e vendas) nos que existe maior previsión de contratación de colectivos en situación de especial vulnerabilidade, é dicir, os de maior demanda no mercado laboral para estas persoas.
 
O estudo, realizado no último cuadrimestre de 2017, céntrase en coñecer como cambiou o traballo realizado polos colectivos vulnerables -respecto das funcións que se requiren como resultado da dixitalización- e as habilidades e coñecementos dixitais que resultan necesarios.
 
Esta análise das funcións, competencias e coñecementos dixitais que xa requiren os 26 postos de traballo identificados sinala que as competencias básicas seguen sendo as máis demandadas -sobre todo, "Comunicación, "Ser Dixital", "Cumprimento de normas e tarefas" e "Autoconfianza"- e que o que está a cambiar é o nivel requirido en moitas delas, que pasan a un nivel avanzado. En canto ao grao de dixitalización é alto no caso de "Comunicación" e "Ser dixital". Séguenlles as competencias transversais: "Orientación á clientela", "Calidade no traballo", "Organización Propia" e "Orientación ao logro". Para todas elas requírense niveis avanzados e un grao de dixitalización alto no caso de "Orientación á clientela", mentres que o grao de dixitalización é aínda medio nas outras tres.
 
Tamén se identifican os coñecementos dixitais requiridos: coñecer o mundo dixital, os distintos dispositivos móbiles e sistemas operativos, navegar de forma segura, atopar información en internet, a nube e a correcta comunicación nas redes sociais.
 
Está claro que a transformación dixital cambiará como se desenvolven algunhas das funcións actuais (incorporando novos coñecementos e habilidades, cambios de comportamentos e postos de traballo, novos dispositivos tecnolóxicos...) e fará xurdir novas funcións. A nivel de postos e perfís, a personalización e o trato ao cliente están no centro da transformación. Tamén teñen máis importancia as habilidades transversais, moitas das cales xa incorporan a dimensión dixital, ao incrementarse o nivel de coñecementos dixitais requiridos.
 
En canto aos postos con maior grao de dixitalización por área de actividade confírmase que a súa dixitalización non ten unha relación directa coa demanda para as persoas en situación de especial vulnerabilidade. Só "Camareiro/a de pisos" combina unha alta demanda e cun alto grao de dixitalización requirido. Hai varios postos con alta demanda e grao de dixitalización medio como "Limpador de empresas", "Camareiro/a de barra" ou "Vendedor /a". Con nivel de demanda medio e alto grao de dixitalización requirido destacan "Auxiliar administrativo", "Operario de mantemento", "Coidados persoais en institucións" e "Caixeiro/a / Repoñedor/a": Por último, hai varios postos con demanda media e grao de dixitalización medio, como "Auxiliar de recepción", "Coidados persoais a domicilio" ou "Caixeiro/a". Nos postos de baixa demanda unicamente identifícanse dúas con nivel de dixitalización medio: "Vixiante" e "Promotor/a comercial".
 
En paralelo a esta análise publicada e para poder ofrecer a formación que se necesitará para acceder ao posto de traballo revisouse o dicionario de competencias, engadíndose unha nova competencia puramente dixital e habilidades dixitais necesarias ás outras 19.
 
"Os postos de traballo analizados, onde se concentra a maior parte do emprego nos colectivos máis vulnerables, non van desaparecer senón que se van a transformar. Hai que preparar ás persoas para asimilar esa transformación e afrontar a disrupción dixital. Para que ninguén perda o tren dixital, desde Xuntos polo Emprego dos máis vulnerables poñemos a disposición da sociedade toda a formación en habilidades e coñecementos dixitais a través da nosa solución de formación para o emprego, Emprega Dixital", segundo Ana Millán, directora xeral da Fundación Accenture.
 
Axuntar esforzos entre entidades sociais, empresas e administracións públicas é o que vén facendo desde hai 5 anos "Xuntos polo Emprego dos máis vulnerables". Unha iniciativa de impacto colectivo "xerada e coordinada por Accenture- que agrupa máis de 1.200 entidades (mil organizacións sociais, 76 empresas e fundacións empresariais e 15 administracións públicas). Entre todos identifícanse necesidades, desenvólvense solucións e esténdese o seu uso. Así, desenvolvéronse unha vintena de solucións na súa maioría dixitais ofrecidas de forma gratuíta- como SaaS (Software as a Service) desde unha plataforma aloxada na nube de Accenture- para mellorar as oportunidades de emprego dos colectivos en situación de especial vulnerabilidade.
 
Máis información na Web Xuntos polo Emprego de Accenture.
Tema: Xeral
Fonte: discapnet
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal