O Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT) é unha desas fontes de información que logran sorprendernos cada día. Nesta ocasión, un alumno graduado desta universidade desenvolveu un sistema que permite transcribir as palabras que o usuario pensa e subvocaliza, aínda que non chegue a expresalas.
Imaxinen as marabillosas posibilidades que esta tecnoloxía ten para persoas con discapacidade ou persoas maiores que teñen unha perda de mobilidade e que non poden ou teñen dificultades para falar en voz alta.
O sistema, chamado AlterEgo e deseñado por Arnav Kapur, recolle mediante uns eléctrodos sinais neuromusculares na cara e a mandíbula que ata agora eran indetectables e que se producen cando unha persoa subvocaliza.
Que é subvocalizar? Pois moitos de vós estarédelo facendo mentres ledes esta noticia. É cando estamos a ler en voz baixa pero, case de forma impercetible, movemos a mandíbula e algúns músculos da cara, incluso a lingua.
Este sistema recolle e analiza todos estes estímulos e tradúceos en palabras, eliminando así un obstáculo que para moitas persoas é unha barreira á hora de poder utilizar asistentes por voz, que é a necesidade de falar e a un volume adecuado.
O sistema desenvolvido por este alumno do MIT é fantástico en si mesmo, pero aínda máis se pensamos nas incontables aplicacións que poderá ter nun mundo no que os asistentes de voz cobran cada vez unha maior relevancia unidos á intelixencia artificial.
Rexístrate como: