Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cecilia Vázquez estivo acompañada na presentación polo alcalde de Lalín. // Bernabé/Javier Lalín.

Habilitan a Casa da Xuventude de Lalín como un espazo máis para o emprendemento xuvenil

Versión para impresiónSend by email
Lalín, 04/04/18 (10:55)
  • O proxecto coordínase desde o agora denominado Espazo Emprende
  • Cecilia Vázquez presentou esta iniciativa no recinto

 

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presentou na mañá do luns o novo Espazo Emprende -anteriormente denominado Espazo Xove- de Lalín onde os mozos poderán impulsar os seus proxectos de emprendemento a través de procesos de coworking. Nestas instalacións, os usuarios dispoñerán tanto de medios como de asesoramento personalizado e formación para a posta en marcha dos seus negocios e ideas.

A representante da Consellería de Política Social, que estivo acompañada neste acto polo alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, destacou a importancia deste espazo para converter á mocidade en motor da dinamización económica de Lalín e a súa contorna. Aludiu á existencia dun firme compromiso do Goberno galego cos novos emprendedores, "que non son só o noso capital de futuro senón tamén do presente", afirmou. En consonancia, dixo, esta iniciativa vai encamiñada a darlles un espazo onde desenvolver os seus proxectos, pero tamén onde atopar unha serie de apoios que van desde o asesoramento para a constitución de empresas, acceso a financiamento e mercadotecnia ata accións formativas, de titorización e asesoramento individualizado e formación e coaching persoal.

 

Ideas de negocio

Os mozos que se animen a utilizar o Espazo Emprende terán a oportunidade de impulsar e potenciar a viabilidade das súas ideas de negocio desde un primeiro momento, aínda que as accións continuadas de acompañamento que se desenvolverán permitiranlles continuar cunha dinámica de crecemento e avance. O prazo para que se inscriban nesta iniciativa ábrese este mes.

Ademais, ao longo do presente ano organizaranse encontros sectoriais para a creación dunha dinámica de diálogo e coñecemento entre a mocidade e os axentes económicos do territorio, en Galicia pero tamén no norte de Portugal. Así mesmo, estas relacións estableceranse coas empresas galegas e lusas co fin de reforzar o achegamento dos emprendedores novos á realidade dos seus tecidos empresariais e que poidan valorar os seus recursos e potencialidades.

Xunto co centro de Lalín, Galicia contará cunha rede de Espazos Emprendedores, emprazados nas localidades de Betanzos, Carballo, Curtis, Noia, Pontedeume, Ourense, Chantada, Vilalba, Viveiro, Lalín, Tui e Vilagarcía de Arousa, aínda que esta rede alcanzará tamén o norte de Portugal a través da Oficina transfronteiriza de información xuvenil Galicia- Norte de Portugal situada no municipio ourensán de Verín e os centros de atención cos que conta o Instituto Portugués do Deporte e da Mocidade e a Federación Nacional de Asociacións Xuvenís Portuguesas en Minho-Lima, Cádavo, Ave, Grande Porto, Támega e Alto Tras os Montes.

Os Espazos Emprende enmárcanse no proxecto Lidera, Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xuvenil transfronteirizo (acrónimo Lidera), que forma parte da actividade Crece de impulso do traballo xuvenil en rede. Foi aprobado no marco do Interreg V A España Portugal 2014-2020 (Poctep) e conta cun orzamento de 1.428.692 euros e financiamento dun 75 % do Feder e unha duración de catro anos (2016-2019).

Son socios do referido proxecto transfronteirizo: a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a Fundación Galicia Europa, a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela, a Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia (Ascega), o Instituto Português do Desporto e da Juventude (IPDJ), a Federación Nacional de Asociacións Xuvenís Portuguesas (FNAJ) e a Comunidade Intermunicipal do AVE.

Tema: Xeral
Fonte: Faro de Vigo
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal