A Concellería de Patrimonio Histórico de Pontevedra vén de facer un repaso polos froitos acadados e por acadar do programa A Memoria das Mulleres, que entra no seu quinto ano e que conta co pulo, precisamente, do tipo departamento do Concello. Foi precisamente Luís Bará, o responsable da Concellería, quen deu a coñecer a pasada semana os obxectivos do programa para este ano. Fíxoo ademais na compaña de tres colaboradoras, Carmela Sánchez Arís, Montse Fajardo e María Abelleira. Bará lembrou os obxectivos básicos da iniciativa (investigación de fontes documentais e orais, divulgación off-line e dixital e visualización dos coñecementos acadados) e fixo saber que un dos grandes retos previstos para este ano é crear unha páxina web, que será presentada ao remate do ano.
O espazo en liña, sinalou, “será o grande escaparate do feito ao longo destes anos”. Ou sexa, que a web servirá entre outras cousas para mostrar a coñecemento público toda a información xerada polo programa A Memoria das Mulleres, en forma de biografía, artigos, fotos, vídeos… Outra das previsións é potenciar a presenza feminina nos espazos cidadáns mediante unha publicación do Roteiro en feminino de Pontevedra, a través da sinalítica urbana e co incremento de nomes de muller en prazas rúas e espazos públicos. Por outra banda elaboraranse homenaxes concretas, como unha lembranza a María Vitoria Moreno (homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas) na súa faceta como mestra, como escritora, tradutora e, tamén, “como muller comprometida social e politicamente”.
A encargada do desenvolvemento da web será a investigadora María Abelleira, que porá o foco en visualizar o traballo realizado ao abeiro do programa e facelo botando man de múltiples formatos e fontes de información. A idea é que a páxina estea rematada a finais de 2018.
Rexístrate como: