Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas

O Programa de Voluntariado Dixital da Xunta achega as vantaxes das redes sociais e a comunicación 2.0 ás entidades do terceiro sector

 

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 29/11/12 (10:00)
  • Un total de 50 integrantes de organizacións sociais participaron hoxe en Santiago nunha xornada organizada pola Amtega.

  • Moisés Limia do Grupo de Investigación de Novos Medios da Facultade de Comunicación da USC impartiu unha conferencia sobre infotendencias, redes sociais e as diversas formas de participación social xurdidas a través da web 2.0

  • A empresa TUAPLI, mecenas dixital do Programa, realizou unha demostración práctica da aplicación de marketing a través de redes sociais

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) celebrou esta mañá a Xornada “Uso das Redes Sociais e a web 2.0 na entidades de Acción Social”. A iniciativa, que se enmarca no Programa de Voluntariado Dixital, busca axudar a integrar esta forma de comunicación na estratexia xeral de marketing 2.0 das entidades sociais adheridas ao Programa.

A xornada, na que participaron 50 integrantes de organizacións sociais, comezou cunha conferencia de Moisés Limia, do Grupo de Investigación de Novos Medios da Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, que expuxo o seu coñecemento sobre infotendencias, redes sociais e as diversas formas de participación social xurdidas a través da web 2.0.

O Grupo Novos Medios da USC é un grupo de investigación que, entre outras liñas de actuación, centra a súa actividade no estudo das demandas dos novos consumidores, anunciantes e audiencias así como as perspectivas e tendencias no ámbito da comunicación na Unión Europea. Realiza tamén un estudo continuo dos medios electrónicos e impresos e unha análise permanente dos produtos informativos dos mercados globais e locais.

Tras o relatorio tivo lugar unha demostración de caso práctico da man de TUAPLI, unha empresa do sector TIC galego pioneira en Galicia no ámbito da definición de estratexias de marketing dixital a través das redes sociais.

O seminario rematou cun debate sobre a comunicación online e as facilidades que ofrece ás entidades de acción social para comunicarse dunha forma diferente á tradicional, máis cercana aos seus colectivos de actuación e con infinitas posibilidades para pulsar a opinión e receptividade da súa mensaxe e dos seus proxectos solidarios.

Programa de Voluntariado Dixital: 220 voluntarios e 74 entidades colaboradoras

O Programa de Voluntariado Dixital, no que se enmarca esta xornada, está impulsado pola Amtega e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado co obxectivo estender a oferta pública de alfabetización dixital a 3.500 persoas maiores e a oito federacións de persoas con discapacidade.

Para cumprir este obxectivo búscase a colaboración activa entre as institucións, as empresas do sector TIC e as entidades de acción social que traballan apoiando ás persoas con discapacidade, persoas maiores e en risco de exclusión social. A iniciativa suma tamén a solidariedade individual, a responsabilidade social das empresas e o aproveitamento das infraestruturas públicas e a día de hoxe acadouse adhesión de más de 200 voluntarios e 74 entidades colaboradoras, entre concellos, entidades públicas e privadas e organizacións de acción social.

 

Tema: Xeral
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal