Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas

Mar Pereira destaca a capacidade tecnolóxica de Galicia para ofrecer solucións innovadoras que faciliten a inclusión social

Versión para impresiónSend by email
Edificio CERSIA. Alcalde Raimundo López Pol, s/n (San Lázaro), Santiago de Compostela., 23/11/12 (10:00)

 

  • A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia inaugurou esta mañá a I Xornada de Boas Prácticas en Tecnoloxía para a Inclusión Social, dentro do Programa de Voluntariado Dixital.

  • O obxectivo é que as entidades de acción social e as empresas tecnolóxicas intercambien experiencias para impulsar novas iniciativas TIC integradoras.

  • Once empresas galegas expuxeron produtos e aplicacións TIC orientadas aos colectivos de persoas maiores e persoas con discapacidade.

  • En Galicia o número de persoas con discapacidade alcanza os 292.900 e o colectivo de maiores representa 22,55% da poboación.

Trátase dunha iniciativa do Programa de Voluntariado Dixital da Xunta para dar a coñecer ás entidades de acción social da Comunidade solucións tecnolóxicas do ámbito social desenvolvidas por empresas TIC Galegas.

A responsable da área tecnolóxica da Xunta puxo en valor a capacidade do sector tecnolóxico galego para dar resposta ás necesidades específicas dos colectivos con máis dificultades de acceso a tecnoloxía. No contexto actual, sinalou, imponse a procura de solucións integradoras que estean ao alcance de todos os usuarios.

En Galicia o número de persoas con discapacidade alcanza os 292.900, o que supón o 10,5% da poboación galega e o colectivo de maiores, que en España representa un 17,2 da poboación en Galicia se eleva ao 22,55%. Unhas cifras que, segundo a directora da Amtega, indican a importancia de atender as necesidades específicas destes colectivos para que a tecnoloxía se converta nun elemento integrador e non nunha barreira que lles impida ser cidadáns de pleno dereito na sociedade dixital.

Este obxectivo supón un reto para todos os colectivos e entidades implicadas e especialmente para as empresas do sector TIC, que teñen un mercado potencial da tecnoloxía social en España de aproximadamente 1.300 millóns de euros.

 

Solucións TIC con selo galego para a inclusión social
Durante a xornada once empresas tecnolóxicas galegas expuxeron outras tantas solucións e aplicacións dispoñibles no mercado ou en fase de elaboración orientadas específicamente para persoas con discapacidade, persoas maiores e dependentes. Plataformas para persoas con parálise cerebral, para a formación de persoas con discapacidade auditiva, sistemas de videonterpretación en lingua de signos, solucións para o diagnóstico e seguimento de persoas autistas, ou sistemas de monitorización e localización de persoas diagnosticadas de demencia, son algunhas das 13 propostas que se presentaron. *(Xúntase listado das solucións presentadas polas empresas participantes na xornada).

Tras a presentación representantes das asociacións TIC galegas AGASOL, AGESTIC, EGANET, INEO e o CLUSTER TIC e das organizacións sociais CRUZ ROJA, COGAMI, FAXPG, FEGADACE, ONCE, FEAFES GALICIA , DOWN GALICIA e AUTISMO GALICIA, participaron nunha mesa redonda sobre a contribución tecnolóxica ao benestar social.

Programa de Voluntariado Dixital: 220 voluntarios e 74 entidades colaboradoras
O Programa de Voluntariado Dixital, no que se enmarca esta xornada, está impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado co obxectivo estender a oferta pública de alfabetización dixital a 3.500 persoas maiores e a oito federacións de persoas con discapacidade.

Para cumprir este obxectivo búscase a colaboración activa entre as institucións, as empresas do sector TIC e as entidades de acción social que traballan apoiando ás persoas con discapacidade, persoas maiores e en risco de exclusión social. A iniciativa suma tamén a solidariedade individual, a responsabilidade social das empresas e o aproveitamento das infraestruturas públicas e a día de hoxe acadouse adhesión de más de 200 voluntarios e 74 entidades colaboradoras, entre concellos, entidades públicas e privadas e organizacións de acción social.

Relación de Solucións Presentadas

Tema: Xeral
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal