O espírito innovador e as novas tecnoloxías foron co-protagonistas dos Premios Son Muller 2018 que se desvelaron e entregaron onte en Lugo, un co-protagonismo que compartiron co que foi, sen dúbida, a gran estrela da xornada: o emprendemento feminino. Na gala co certame (organizado pola Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo, AELU, coa colaboración da Deputación e o Concello de Lugo, e máis da Xunta, co obxectivo de visualizar o poder creativo-empresarial das mulleres da provincia), recoñeceuse a traxectoria e o alento innovador de Champivil, Muuhlloa, a plataforma tecnolóxica Sientegalicia.com, Gerosonajero, Coeduca e Tastelab.
Na cita participaron o deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López; e a presidenta de AELU, Beatriz Varela Regueira. O certame, como dixemos, veu da man da dita asociación provincial e contou coa colaboración da Deputación e Concello de Lugo, que achegaron 4.600 euros, converténdose nas principais patrocinadoras.
Segundo lembraron, nesta primeira edición, que tivo como fin promover e potenciar a actividade da muller no entorno económico e social lucense, participaron 51 empresarias e emprendedoras cos seus proxectos. Os premios contaron con 3 categorías: Son Empresaria Rural, Son Empresaria e Son Emprendedora.
No acto de entrega dos galardóns, tamén participaron o delegado da xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, a deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, e a concelleira de Benestar Social, Ana González Abelleira.
Santos Ramos felicitou a todas as participantes e gañadores desta iniciativa e salientou que “esta gala non sería posible sen a labor da Asociación de Empresarias da Provincia de Lugo, unha organización liderada por emprendedoras e que leva 30 anos empoderando á muller traballadora na nosa provincia”.
A alcaldesa de Lugo deu os parabéns ás mulleres que presentaron candidatura, ás finalistas, ás premiadas e á homenaxeada, “e en xeral a todas as mulleres empresarias e emprendedoras de Lugo por contribuír co voso traballo ao desenvolvemento socioeconómico da nosa cidade”.
Amais dos premios das ditas categorías, nesta primeira edición tamén se distinguiu a Blanca García Montenegro, presidenta do Grupo El Progreso, co Premio á longa traxectoria. A AELU, Deputación e Concello de Lugo recoñeceron con este galardón especial “o frutífero traballo desta pioneira empresaria lucense de prestixio”.
Premiadas
Os Premios Son Muller 2018 contaron cun xurado formado por representantes de AELU e personalidades de recoñecido prestixio, pertencentes a distintos ámbitos das administracións, empresas e sociedades lucenses. As premiadas desta primeira edición foron:
Rexístrate como: