Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Connecting for Good de Vodafone no MWC2018.

A Fundación Vodafone España presentou as súas novidades no Mobile World Congress 2018

Versión para impresiónSend by email
Barcelona, 07/03/18 (11:22)
  • Durante o MWC, presentáronse aplicacións que facilitan a accesibilidade de distintos colectivos ás vantaxes dos dispositivos móbiles, incluíndo solucións de realidade aumentada e aplicacións de recoñecemento biométrico para a prevención e protección contra abusos nos colectivos máis desfavorecidos

 

A Fundación Vodafone España estivo presentando as súas últimas novidades no Mobile World Congress, que se celebrou en Barcelona entre o 26 de febreiro e o 1 de marzo. As solucións que se presentaron estaban dirixidas a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade ou en risco de exclusión a través da tecnoloxía.

 

Mefacilyta con Realidade Aumentada
Mefacilyta é unha ferramenta dixital que serve para crear e compartir contidos multimedia útiles e personalizados, dirixida especialmente a persoas con necesidades de apoio, como persoas con discapacidade intelectual, persoas maiores, persoas con parálise cerebral, etc.

A Fundación Vodafone España xunto con máis de 100 entidades, entre as que destacan AMPANS, TRACE (Associació Catalá de Traumàtics Cranioencefàlics i Dany Cerebral), a Fundació EL MARESME e a Unidade de Ictus do Hospital Vall d'Hebrón, realiza o deseño e validación desta plataforma. Nesta ocasión, mostrouse na caseta de Vodafone no Mobile World Congress o último desenvolvemento baseado en Realidade Aumentada.

A plataforma, atendendo aos últimos avances tecnolóxicos e co obxectivo de achegar cada vez máis a tecnoloxía a estes colectivos, ofrece a creación de escenarios baseados en Realidade Aumentada, personalizables e desenvolvidos polo profesional que traballa con eles. Estes escenarios servirán, entre outros casos de uso, para traballar as sensacións, a percepción e os sentidos. Búscase así mellorar a asimilación da información sensorial que se lles ofrece optimizando a súa relación coa contorna e as súas aprendizaxes.

Gañadores dos Premios Vodafone á Innovación
Como cada ano estiveron presentes tamén na caseta de Vodafone os proxectos galardoados na última edición dos Premios 'Connecting for Good' á Innovación en Telecomunicacións.

PPa (Protection People app). Esta solución, desenvolvida pola ONG itwillbe, utiliza o recoñecemento biométrico (dactilar, facial e da pegada palmar) para que as Ong poidan identificar e xestionar os datos dos seus beneficiarios de maneira eficiente e transparente, e polo tanto que as súas accións de protección de colectivos vulnerables teñan maior impacto. Ao estar ligado a unha app, pode ser utilizado en zonas remotas, de emerxencias, e en proxectos dirixidos a nenos que viven na rúa ou poboacións migrantes, entre outros.

A 'Librería para a xeración de linguaxe natural en español', desenvolvida por Silvia García Méndez ten como obxectivo facilitar a comunicación a persoas con trastornos na linguaxe ou na fala grazas á adaptación ao castelán da librería SimpleNLG para a xeración da linguaxe natural a partir de seleccións de palabras. Grazas ao algoritmo desenvolvido, a xeración de linguaxe natural realízase de forma automática tanto para o castelán como para o inglés.

Por último, Navilens desenvolvida por NEOSISTEC en colaboración co MVRLAB (Laboratorio de Investigación en Visión Móbil) da Universidade de Alacante permite a persoas con discapacidade visual moverse de forma completamente independente en espazos descoñecidos, sen necesidade de ser acompañada. Mediante a instalación de marcadores visuais e utilizando Visión Artificial, esta tecnoloxía fai accesible a cartelería presente en calquera lugar (hospitais, aeroportos, hoteis, centros comerciais, etc.), utilizando para iso unicamente un dispositivo móbil.

A tecnoloxía de Navilens tamén estivo dispoñible tamén na caseta de Vodafone no Mobile World Congress para guiar aos visitantes e ofrecer información das distintas demos.

Tema: Xeral
Fonte: Fundación Vodafone España
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal