Dixitalizadas, unha iniciativa de ámbito estatal destinada a fornecer de coñecemento tecnolóxico ás mulleres da contorna rural, foi presentada e lanzada o venres oficialmente en Compostela. A encargada de dala a coñecer foi a raíña Letizia, que estivo acompañada (entre outros persoeiros) polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen salientou o potencial de acción que ten o dito programa na nosa terra, e máis (explicou) tendo en conta o peso demográfico, social e económico das mulleres que viven no rural galego, pois preto da metade das explotacións agrícolas son titularidade delas. A cita do venres, celebrada no Hostal dos Reis Católicos, quixo ser unha chamada de atención (á sociedade civil, ás empresas e ás institucións) para acadar máis compromiso contra a fenda dixital de xénero.
Na presentación, amais de representantes das Administracións galega e estatal e dos responsables das entidades que desenvolven o programa, que son a ONG do xigante tecnolóxico Google e máis as entidades sociais Fundación Cibervoluntarios e a Fundación Mulleres, participaron o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, Francisco Ruiz Antón, director de Políticas e Asuntos Públicos de Google España, María Soleto, directora e vicepresidenta da Fundación Mulleres, Yolanda Rueda, presidenta da Fundación Cibervoluntarios, e Dolors Montserrat, ministra de Sanidade.
No acto celebrado en Santiago, a raíña aproveitou a ocasión para lembrar que a alfabetización dixital vai alén das operacións propias da Administración Electrónica, xa que abrangue tamén as actividades de lecer, o acceso á cultura, a igualdade de oportunidades e o impulso do rural. Amais destes datos, na cita cos medios tamén se fixo saber que Dixitalizadas pretende chegar en ano e medio a cinco mil mulleres das contornas non urbanas, que disporán, grazas a este programa, de formación dixital e en emprendemento. A intención dos impulsores da iniciativa é abranguer participantes de dez comunidades, incluída a nosa. A todas as mulleres que concorran nas actividades ofreceráselles a posibilidade de participar no programa Google Actívate de competencias dixitais.
Dixitalizadas presenta tres áreas de formación básica de 6 horas de duración cada unha:
O programa tamén contempla promover unha rede de voluntarias que poidan apoiar á súa comunidade, así como a creación dunha rede nacional de mulleres Dixitalizadas que se convertan en embaixadoras do programa nas súas comunidades locais para garantir a continuidade da alfabetización dixital na contorna rural.
Rexístrate como: