Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Entrada ao Mobile World Congress de Barcelona na súa edición de 2018.

Un ano máis, unha ocasión perdida para o Mobile World Congress

Versión para impresiónSend by email
Barcelona, 02/03/18 (12:02)
  • O Mobile World Congress de Barcelona pechou este xoves unha nova edición na que, como en ano anteriores, as noticias e novidades sobre accesibilidade brillaron pola súa ausencia.

 

Como en cada edición, as principais marcas tecnolóxicas relacionadas coa telefonía e a mobilidade presentaron as súas últimas novidades, con deseños cada vez máis vangardistas, tecnoloxías máis punteiras e, con todo, coa mesma escasa atención a novos desenvolvementos ligados á accesibilidade dos seus dispositivos.

Dicimos que é unha oportunidade perdida porque estamos convencidos de que a accesibilidade acabará sendo un dos principais factores sobre os que virará o desenvolvemento da tecnoloxía, pero parece que as empresas seguen sen decatarse.

Case o máis incomprensible é que os novos dispositivos si que traen novidades en materia de accesibilidade para persoas con discapacidade ou persoas maiores, pero os responsables de mostrar os produtos descoñécenos e emprázannos a encontros posteriores para entrar en detalle sobre esas novidades.

O bo, é que moitos dos avances que serán realmente útiles para persoas con discapacidade non forman parte da categoría de "Axudas de accesibilidade", senón que están dirixidas ao público en xeral.

Por exemplo, o Internet das cousas, os fogares conectados e as cidades intelixentes si que tiveron grande protagonismo, e como xa comentamos noutras ocasións conforman a grande revolución tecnolóxica para as persoas con discapacidade.

Tamén puidemos ver algúns proxectos interesantes, como Navilens na parte da caseta de Vodafone dedicada á súa fundación, Kids Phone no pavillón de España ou a solución de LG para conectar o smartphone con todos os electrodomésticos do fogar.

Mención aparte para a presentación de Aura de Telefónica, na que o seu responsable global de Datos, Chema Alonso, si que se referiu ás posibilidades de accesibilidade do asistente desenvolvido pola compañía. Un bo comezo que esperamos se repita máis a miúdo nas próximas edicións do Mobile World Congress.

Tema: Xeral
Fonte: Tecnobility
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal