Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Carlos Capataza, director de Servizos Tecnolóxicos e Dixitais de Cruz Vermella, durante a rolda de prensa.

A Cruz Vermella presenta no Mobile World Congress o servizo ‘Cóidate +'

Versión para impresiónSend by email
Barcelona, 01/03/18 (08:55)
  • Como explicou Carlos Capataza, director de Servizos Tecnolóxicos e Dixitais da Cruz Vermella, trátase dun recurso fomenta o autocoidado e a seguridade das persoas a través da tecnoloxía

 

Durante a celebración do Mobile World Congress, a Cruz Vermella Española presentou o novo servizo ‘Cóidate +' que, baseado na tecnoloxía, fomenta o autocoidado da saúde para previr enfermidades, vixía as pequenas doenzas cotiás ou controla as enfermidades crónicas, mediante o seguimento das constantes (peso e tensión arterial). Estes datos trasládanse automaticamente a un sistema de seguimento constante.

Inclúe ademais unha análise do modelo de vida da persoa usuaria no seu domicilio en función dos seus hábitos cotiáns, detectando así situacións de risco que poidan producirse (caídas, falta de movemento, non regreso ao domicilio, etcétera). Neste caso, o sistema de forma proactiva avisa ao Centro de Atención da Cruz Vermella para que, en caso necesario, avise aos familiares, persoas da contorna ou servizos de emerxencia. 

Modalidades
A Cruz Vermella aposta por un servizo que responda e se adapte ás persoas no seu domicilio e que permita programar alarmas, recordatorios, remitir informes das biomédicas rexistradas, detectar situacións de risco, ademais de ofrecer as prestacións actuais da Teleasistencia 24horas / 7 días.

Preténdese con iso garantir a seguridade, o coidado, a tranquilidade e a compañía das persoas atendidas e os seus familiares. Inclúe tamén actividades para favorecer a vida activa e a socialización incluíndo visitas de voluntarios da organización. 

Mediante unha atención personalizada 365/24 por parte de profesionais da Cruz Vermella, existen tres modalidades de servizo: ‘Cóidate +' Saúde; ‘Cóidate +' Seguridade; e ‘Cóidate +' Integral.

A Cruz Vermella, que conta con máis de 25 anos de experiencia en ofrecer servizos tecnolóxicos a persoas vulnerables, presenta este servizo baixo a visión da nova política sanitaria da Organización Mundial da Saúde (OMS), chamada Health 2020, cuxos retos consisten en adaptar as políticas sanitarias aos cambios demográficos da poboación e aos patróns actuais de enfermidades. Así mesmo, o novo servizo intégrase dentro da Estratexia 2020 da Federación Internacional das Sociedades da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella para posibilitar unha vida sa e segura.

2º Premios TIC á innovación
Pola súa banda, a Cruz Vermella Española, no marco do Mobile World Congress celebrado en Barcelona, entregou os 2º Premios á Innovación Tecnolóxica con Fins Humanitarios.

Estes galardóns, que responden á aposta da Cruz Vermella pola innovación tecnolóxica con fins sociais, distinguen a aqueles novos desenvolvementos para dispositivos móbiles e contan con tres categorías: ‘Infancia', ‘Voluntariado' e ‘Protexendo vidas'. O obxectivo é crear aplicacións móbiles innovadoras que poidan utilizarse para os fins propios da Cruz Vermella Española na súa atención aos colectivos máis vulnerables.

Na categoría “Infancia”: TRAZEO, presentada por Sopinet Software, S.L., é unha plataforma para a contorna educativa e outras organizacións interesadas en axudar a que os nenos e as nenas acudan camiñando ao colexio de forma autónoma e segura, apoiados por persoas maiores dispostas a acompañar a estes grupos (denominados “pedibus” segundo os desenvolvedores). Esta aplicación ademais favorece a vida saudable e a participación cidadá como outras formas de voluntariado.

Na categoría “Voluntariado”: WELPY, presentada por Pilar Olmedo Gómez, Anxo Aguilera e Francisco de Paula Sánchez, é unha aplicación que favorece a transformación dixital na forma de exercer e xestionar o voluntariado. Facilita o acceso á información e contribúe a resolver procesos de acceso á participación que en moitas ocasións son engorrosos. Esta aplicación une a proposta de acción voluntaria cos perfís de persoas dispostas a colaborar dixitalizando a xeración de eventos. 

Na categoría “Protexendo Vidas”: FIRSTCALL, presentada por FirstSoft S.L., é unha aplicación que se basea na participación das persoas como primeiros intervenientes ante situacións de emerxencia. Pon en contacto a persoas que precisan de axuda con outras dispostas a ofrecela. Adicionalmente, promove a conciencia cidadá na importancia de coñecer as técnicas básicas de primeiros auxilios. Conta con outras funcionalidades como, por exemplo, xerar alertas de pérdida dunha persoa nunha zona determinada e desa forma pedir a colaboración doutras persoas usuarias da devandita aplicación.

Tema: Xeral
Fonte: entremayores
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal