Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cartel de presentación do producto.

Crean un sistema que permite medir, en só un segundo, a febre co móbil

Versión para impresiónSend by email
Barcelona, 28/02/18 (11:58)
  • A empresa SkinTemp e o centro tecnolóxico Eurecat deseñaron un apósito adhesivo que permite monitorar toda a evolución da febre e que presentaron no Mobile World Congress.
  • O apósito está pensado como alternativa aos termómetros tradicionais para medir a temperatura corporal de maneira máis cómoda, rápida e fiable.
  • SkinTemp está patentado para desenvolver, tamén, novas versións que permitirán medir indicadores como a glicosa, a frecuencia cardíaca e a tensión arterial.
 
A empresa catalá SkinTemp e o centro tecnolóxico Eurecat presentarán no Mobile World Congress un apósito adhesivo que se pon sobre a pel e que permite controlar a temperatura corporal co móbil en menos dun segundo, coa finalidade de ofrecer unha alternativa aos termómetros tradicionais para medir a febre de maneira máis cómoda, rápida e flexible.
 
Este novo sistema, que se poderá ver na caseta do centro Tecnio no MWC (Hall Congress Square. Caseta CS20, núm. 41), “só require adherir o apósito sobre a pel e pasar o teléfono por encima para saber a temperatura corporal exacta”, de modo que “suprime o tempo de espera na medición da temperatura e permite pasar duns intervalos comprendidos entre trinta segundos e dous minutos a unicamente un segundo”, explica Ignacio Faura, fundador de Skintemp.
 
Segundo sinala, o dispositivo “ofrece a máxima precisión, con calibrado de fábrica para cada dispositivo e achega confort e un gran aforro de tempo que fai que sexa especialmente útil no caso dos bebés, nenos e xente maior”.
 
Desde o punto de vista tecnolóxico, Skintemp “patentou a súa solución grazas ao uso da electrónica impresa de Eurecat”, resalta Santi Pérez, do equipo de Eurecat que desenvolveu o dispositivo.
 
O novo sistema, engade, “utiliza a tecnoloxía NFC para establecer a comunicación entre o adhesivo e o móbil, que procesa a información mediante unha aplicación e dá a opción de ver os datos en forma de gráfico ou de táboa”.
 
A aplicación permite, ademais, crear alarmas que axudan a controlar os tempos de febre do enfermo, pode xestionar a temperatura de varias persoas ao mesmo tempo e os datos que xera pódense exportar en distintos formatos, como email ou mensaxe de móbil. Deste xeito, pódese dar ao médico a evolución das últimas horas, días ou semanas e as puntas de temperatura rexistradas.
 
 
Da idea ao produto
A idea do produto, que é o resultado de 14 meses de traballo de conceptualización e desenvolvemento, xurdiu cando un dos tres socios de SkinTemp compartiu o problema de medir a temperatura corporal do seu bebé e viron que “non había ningún sistema que combinase sinxeleza e eficacia e non necesitase bluetooth nin batería e tivese un prezo competitivo e alcanzable para todos os públicos”, detalla o fundador de Skintemp.
 
Os socios da empresa, un Project manager, un especialista en marketing e un enxeñeiro con experiencia empresarial, decidiron apostar por levar adiante a idea inicial coa axuda tecnolóxica de Eurecat e no marco da iniciativa +PiME que ten como obxectivo impulsar proxectos de innovación tecnolóxica de pemes no territorio.
 
En palabras do presidente de Eurecat, Xavier Torra, Skintemp “reflicte o acompañamento que o centro tecnolóxico dá ás empresas en todo o proceso que vai desde a plasmación dunha idea ata a súa implementación no mercado, sumando innovación e tecnoloxía de vangarda para facela realidade”.
 
Skintemp deseñouse para o uso doméstico, garderías e xeriátricos, pero a súa sinxeleza tecnolóxica outórgalle unha capacidade de modulación e adaptación que permitirá o seu uso en hospitais e centros sanitarios, así como en usos sociais, como podería ser o caso dos campamentos de refuxiados, para poder previr e afrontar con rapidez epidemias de enfermidades onde a febre é un síntoma moi claro de contaxio.
 
De momento, SkinTemp funciona para a temperatura corporal e o sistema está patentado tamén para medir a glicosa, a frecuencia cardíaca, a tensión arterial ou a saturación de osíxeno en sangue, entre outros indicadores.
 
Acceso a esta noticia na Web de Eurecat.
Tema: Xeral
Fonte: discapnet
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal