A Asociación Arela e a Fundación Barrié constatan, desde hai tempo, como se incrementaron as diferentes problemáticas relacionadas co uso polos máis novos das novas tecnoloxías, así como a necesidade de realizar unha reflexión por parte do alumnado, docentes e profesionais da intervención, en xeral.
Por iso, baixo o lema “2018: enreda na rede”, realizaranse ao longo dos próximos meses, unha serie de actividades orientadas á toma de conciencia sobre o uso das novas tecnoloxías por parte dos adolescentes (as súas vantaxes, os seus inconvenientes e os seus riscos por un uso inadecuado ou excesivo: sexting, grooming, ciberacoso escolar, gambling…) así como a identificar, por parte da comunidade educativa e profesional, condutas inapropiadas aprendendo estratexias para modificalas.
Concurso de deseño
Co obxectivo de fomentar o debate na aula sobre o uso das novas tecnoloxías, e de que os estudantes reflexionen sobre a utilización das redes sociais, achegando a súa visión persoal, ponse en marcha un concurso de deseño baseado na creación dun eslogan e unha representación gráfica sobre o bo uso das redes sociais entre adolescentes. O deseño máis valorado será utilizado para unha tirada de camisetas para a aula gañadora ou á que pertenza o autor/a do mesmo.
Está dirixido ao alumnado matriculado durante o curso 2017-2018 en centros educativos de Galicia en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional Básica e Ciclos Medios de Formación Profesional, quen pode presentar as súas propostas entre o 15 de febreiro e o 15 de abril de 2018.
Máis información e bases en: http://www.fundacionbarrie.org/concurso-enredanarede-ktorce18
Taller para estudantes de ESO e bacharelato – Programa Desconecta
Marc Masip Montaner, responsable do programa psicoeducativo contra a adicción ás novas tecnoloxías Desconecta, impartirá un taller destinado a estudantes de ESO e bacharelato, de carácter participativo, e actividades que proporcionarán o grao de dependencia ás novas tecnoloxías.
Data: 3 de maio 2018
Lugar: sede da Fundación, A Coruña (Cantón Grande, 9)
Hora: xornada de mañá
Inscricións: 986 212 537 ana@arela.org
Actividade sen custo
Xornada formativa para profesionais
O mesmo 3 de maio, pola tarde, celebrarase na sede da Fundación Barrié da Coruña unha xornada formativa para os profesionais da educación e a intervención social, que ten como obxectivo xeral crear un espazo de formación e reflexión sobre o uso das redes sociais entre adolescentes e como inflúe nos centros educativos, para poder identificar condutas inapropiadas e aprender estratexias para modificalas, así como coñecer experiencias destacadas no ámbito do traballo do bo uso das novas tecnoloxías.
Tamén contará coa participación de Marc Masip Montaner, responsable do programa psicoeducativo contra a adicción ás novas tecnoloxías Desconecta. así como doutros profesionais vinculados a esta temática.
O prazo de inscrición á xornada abrirase a partir do mes de marzo.
Programa Ktorce-18 de prevención de condutas infractoras
“2018: enreda na rede” forma parte de Ktorce-18, unha iniciativa da Fundación Barrié e da Asociación Arela, que ten como fin achegar a Lei do Menor á comunidade educativa (pais, alumnado e profesorado) e que chegou a máis de 28.000 participantes desde a súa posta en marcha no ano 2012.
O programa KTORCE-18 seguirá tendo o seu eixo fundamental da intervención no contexto escolar na realización de charlas, para o alumnado e profesorado, así como para familias, convocadas polos departamentos de Servizos Sociais dos Concellos de Galicia.
Esta intervención ten o obxectivo xeral de tentar previr a comisión de feitos delituosos entre adolescentes, así como dar a coñecer o contido da Lei do Menor á sociedade. As charlas Ktorce18 pódense solicitar directamente a través das webs das entidades organizadoras: www.fbarrie.org e https://www.arela.org.
Máis información en:
Asociación ARELA
Rúa: Ernesto Lecuona, 11 baixo. 36205 Vigo
Persoa de contacto: Xullo Barreiro González
Teléfono: 986 21 25 37
Web: http://www.fundacionbarrie.org/ktorce-18
Rexístrate como: