Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
App accesible de BBVA.

BBVA lanza unha app para garantir o pleno uso dos caixeiros entre persoas cegas

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 26/02/18 (09:59)

BBVA vén de lanzar unha aplicación móbil (BBVA Para Todos) para converter en plenamente operativa a súa rede de caixeiros (6.300 dispositivos fixos) de cara as persoas cegas. A ferramenta, dispoñible para móbiles con Android e iOS, tamén ten importantes potencialidades de uso para persoas con capacidades diversas funcionais ou de tipo cognitivo. Segundo informa a entidade bancaria, a app guiará ás persoas coas devanditas características até o caixeiro que elixan, facilitándolles logo a operación de retirada de efectivo. O obxectivo do BBVA era contrarrestar os atrancos que presentan os caixeiros táctiles para as persoas cegas ou con outras diversidades

A ferramenta foi desenvolvida ao longo dun ano en colaboración con Ilunion Tecnoloxía e Accesibilidade e un grupo piloto de máis de 50 persoas con discapacidade, que testaron a ferramenta e participaron no desenvolvemento das súas melloras. Segundo informa acerca do seu funcionamento Luis Javier Blas, director de Enxeñaría do BBVA, “a partir de agora os nosos clientes invidentes poderán acceder á aplicación BBVA Para Todos e reservar a cantidade de diñeiro que necesiten sacar en calquera dos nosos caixeiros. Unha vez que cheguen ao caixeiro elixido, só terán que introducir o seu pin e entregaráselles a cantidade previamente solicitada na app”.

Ademais das persoas cegas, tamén se poden beneficiar desta tecnoloxía persoas coas devanditas capacidades diversas ou persoas maiores, xa que a ferramenta introduce un importante factor de seguridade e de confianza que antes non existía. Nas vindeiras semanas, a app recibirá varias melloras. Por unha banda, será posible que os usuarios poidan acceder á aplicación móbil mediante a súa pegada, “unha técnica de identificación biométrica avanzada moi segura”, en palabras do BBVA. Doutra banda, tamén poderán identificarse no caixeiro a través do NFC do seu móbil e, por tanto, sen ter que introducir o cartón na fenda do caixeiro, “unha operación que en varios tipos de diversidade funcional pode ter algunhas dificultades”, explica a entidade bancaria vasca.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal