Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
III Foro Novos Profesionais, Reinvención e Integración.

Inserta Empleo considera que as novas tecnoloxías xeran "oportunidades de ouro" para as persoas con discapacidade

Versión para impresiónSend by email
A Coruña, 22/02/18 (12:04)

Inserta Empleo, a entidade da Fundación ONCE para a formación e o emprego das persoas con discapacidade, expuxo a súa tese sobre como reinventarse e adaptarse ás novas situacións, tanto persoais como laborais, durante o III Foro Novos Profesionais, Reinvención e Integración, celebrado no salón de actos do auditorio de Afundación da Coruña, defendendo que as novas tecnoloxías xeran "oportunidades de ouro" para as persoas con discapacidade.

O evento foi organizado por XL Semanal en colaboración con Inserta Empleo, a Fundación Telefónica e o Human Age Institute.

A encargada de inaugurar o Foro foi a directora rexional de Inserta Empleo en Galicia, Menchu Igrexas, quen aproveitou a ocasión para demandar que o emprego tamén sexa un dereito para as persoas con discapacidade, subliñando que "agora é unha utopía pero desde Inserta trabállase para que sexa unha realidade". "Con estes encontros queremos coñecer por onde se move o mercado de traballo para avanzar polo bo camiño", engadiu. "As persoas con discapacidade estamos afeitas a innovar, a aprender a facer as cousas doutra maneira. Temos unha gran capacidade de adaptación, é probable que a outras persoas lles custe un pouco máis", resaltou Iglesias.

Unha capacidade de cambio e reinvención que "pode xogar ao noso favor no novo escenario laboral", finalizou. Cristina de la Cuesta, da área de Empregabilidade e Emprendemento da Fundación Telefónica, destacou que o mercado laboral está a cambiar, e dixo que oito de cada dez estudantes españois terán que traballar "nun emprego que aínda non existe". De la Cuesta explicou que a Fundación Telefónica aposta polo emprendemento, prestando maior atención aos colectivos máis vulnerables. "Traballamos para que nun futuro non moi afastado teñamos unha sociedade máis inclusiva e xusta para todos", concluíu.

Pola súa banda, a directora xeral de Taller de Editores, Laura Mújica, lembrou que 'XL semanal' é a revísta líder os domingos en España e destacou que desde o dominical promoven e organizan estes foros porque queren ser o pivote dos temas que interesan á cidadanía.

Tras as palabras dos organizadores comezou o relatorio 'Liderando a dixitalización: competencias para o emprego do século XXI', a cargo da consultora, formadora e autora do libro ‘Marca es ti', Eva Collado, quen afirmou que "estamos inmersos na cuarta revolución industrial, con cambios que son máis rápidos que nunca debido ás novas tecnoloxías". A autora indicou que cada minuto danse de alta 316 millóns de novos usuarios na internet ou se envían 55.000 millóns de Whatsapp. Tamén augurou que "desaparecerá a televisión como a entendemos actualmente". Collado destacou que estes cambios tamén se están trasladando ao mercado laboral e resaltou que os profesionais deberán adaptarse a eles, tanto os mozos como os seniors. "O verdadeiro reto está en reconverter o talento interno das empresas ás necesidades actuais". A autora dixo que neste campo será importante a aptitude persoal, a vocación, o compromiso, a motivación ou a autoestima.

Tras o relatorio tivo lugar unha mesa de experiencias baixo o título 'O futuro é hoxe', onde interveu a presidenta da Asociación Española de Intelixencia Artificial, Amparo Alonso Betanzos; quen explicou os avances en intelixencia artificial e anunciou os investimentos que se realizarán nos próximos anos. Apuntou que China anunciou que está disposta a erixirse na primeira potencia mundial en 2030.

Alonso destacou que os avances en intelixencia artificial terán unha gran repercusión social, xa que "farán que teñamos unha maior calidade de vida". Na mesa tamén participaron a fisioterapeuta especialista na lesión neurológica do centro Foren, Fátima Díaz Martín, e o enxeñeiro industrial, cofundador da startup Zeleros, Juan Vicén. Este último mostrouse crítico cos sistemas educativos actuais, destacando que “son teóricos e con poucas prácticas”, avogando por crear grupos de traballo que respondan as necesidades do mundo actual. Finalmente, Fátima Díaz explicou os avances que logrou a aplicación da realidade virtual á neuro-rehabilitación.

A presenza de Inserta neste encontro forma parte das accións que está a realizar no marco dos programas operativos de Inclusión Social e da Economía Social (Poises) e de Emprego Xuvenil (POEJ), que está a desenvolver a Fundación ONCE a través de Inserta, coa cofinanciación do Fondo Social Europeo e a Iniciativa de Emprego Xuvenil, para incrementar a formación e o emprego das persoas con discapacidade.

Tema: Xeral
Fonte: discapnet
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal