O número de usuarios que participan ou asisten ás diferentes actividades que programa o centro de coñecemento e innovación "La Molinera" disparouse durante o pasado ano. A instalación, dependente da área de Emprego do Concello de Ourense, rexistrou máis de 32.500 usuarios nas 150 iniciativas desenvolvidas ao longo de 2017, un incremento do 60% respecto ao ano anterior, no que se contabilizaron 13.000 usuarios.
O edil Jorge Pumar destaca que o centro cumpre á perfección co seu labor, que é "funcionar como un laboratorio de innovación social dixital, centrado nas persoas", e como plataforma de conexión para as pemes, emprendedores, 'startups', administracións públicas e universidades. Con esta finalidade, "La Molinera" pon a disposición dos usuarios espazos, ferramentas tecnolóxicas e dixitais e mentorización.
Así, "La Molinera" pechou 2017 cun balance que mellora todos os indicadores. Máis usuarios e máis horas aberto ao público. En concreto, ao longo de todo o ano pasado permaneceu aberto 228 días en horario de mañá e tarde, salvo o mes de agosto con apertura só matinal.
Este horario, asegura a área de Emprego de Ourense, permitiu "fidelizar" o número de usuarios no transcurso do exercicio, pasando dos 50 diarios nos primeiros meses ata os 100 dos últimos. A época máis activa correspóndese co mes de novembro, no que se celebraron máis de 5 actividades diarias de media, cun fluxo de 4.500 usuarios.
Ademas de crecer o número de usuarios e actividades, "La Molinera" diversificou a súa oferta potenciando espazos como Kids, Maker e CeMIT, que representan máis do 50% da actividade que se desenvolve no centro.
Así mesmo, un de cada tres días desenvolvéronse iniciativas a través das cesións de espazo do centro, cun total de 15 eventos organizados nas instalacións pero alleos á oferta formativa da Molinera que, doutra banda, recibiu 14 visitas de colexios. O "gran colofón", indicou Pumar, foi o desafío social da campaña #fabricandosorrisos, na que se elaboraron 150 xoguetes con impresoras 3D para os pacientes ingresados na área infantil do CHUO. Para este proxecto, "La Molinera" contou coa colaboración dos propios usuarios do centro e das impresoras 3D fabricadas no mesmo.
Por último, o Concello destaca que aínda que a instalación seguirá vertebrada a través dos mesmos tres eixos estratéxicos (innovación social dixital, a nova empregabilidade e as tecnoloxías 4.0), 'La Molinera' "camiña cara a novas demandas cidadás e tecnolóxicas". Así, o novo espazo Teslab, ou o LabCafé, son as novas propostas ideadas para consolidar a estrutura do centro dentro do organigrama municipal.
Rexístrate como: