- O presidente de Galicia proba OrCam MyEye®, unha cámara intelixente que permite ler e recoñecer obxectos a invidentes
- O presidente da Xunta, que encabeza unha delegación que pretende atraer a investidores tecnolóxicos a Galicia, visita a sede de OrCam en Xerusalén
- OrCam MyEye® é unha cámara lixeira que “aprende” mediante algoritmos e intelixencia artificial, permitindo a persoas con discapacidade visual escoitar o que non poden ver
- Núñez Feijoo destaca a capacidade deste “impresionante” dispositivo de mellorar a autonomía e independencia das persoas cegas
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, que encabeza unha delegación galega que pretende atraer investimentos israelís á rexión ofrecendo incentivos e vantaxes fiscais á implantación, mostrou o seu interese polo puxante sector en Israel das tecnoloxías asistivas para persoas con discapacidade. No marco desta misión comercial, Feijóo, xunto co seu conselleiro de Economía, Francisco Conde, unha vintena de empresarios galegos e representantes de centros tecnolóxicos, visitaron as instalacións de OrCam en Xerusalén. Esta compañía desenvolveu OrCam MyEye®, un dispositivo de lectura e recoñecemento visual para persoas cegas ou con discapacidade visual.
OrCam MyEye® é un lixeiro sistema tecnolóxico que se axusta á patilla dunhas lentes. Baseándose na aprendizaxe por intelixencia artificial dos algoritmos desenvolvidos pola empresa israelí, o dispositivo permite ás persoas con discapacidade visual ou lectora (por cegueira total, enfermidade, baixa visión, dislexia, etc.) manter a súa autonomía e independencia.
Para Feijóo, que busca poñer a Galicia fronte ao espello do modelo israelí en materia de innovación e tecnoloxía, o exemplo de OrCam é unha proba do poder transformador das empresas dun país cando se estimula a I+D. O presidente da Xunta experimentou de por si as posibilidades de OrCam MyEye®, “un sistema revolucionario de visión artificial que supón un impresionante desenvolvemento tecnolóxico, solucións innovadoras para problemas reais”. E o que é máis importante, “mellora a vida dos millóns de persoas no mundo que teñen cegueira ou discapacidade visual”, concluíu.
A cámara intelixente converte a información visual en audio a tempo real. OrCam MyEye® pode ler texto, recoñecer caras e identificar produtos para as persoas que son cegas ou con discapacidade visual. Le calquera texto impreso ou dixital en todo tipo de superficies, incluíndo xornais, libros, pantallas de computador, menús de restaurantes, as etiquetas dos produtos do supermercado e letreiros e sinais da rúa, transmitindo todo ao instante ao usuario a través dun mini altofalante incorporado. Actívase mediante un simple xesto intuitivo, sinalando co dedo ou pulsando un botón, e funciona de forma autónoma, sen necesidade de contar cunha conexión a Internet ou a un computador.
Co obxectivo de proporcionar independencia aos seus usuarios, OrCam MyEye® recoñece as caras de familiares e amigos previamente gravadas, e tamén pode sinalar o valor dos billetes. Mesmo di a hora co simple xesto de mirar a boneca, e é que os creadores deste dispositivo primaron a facilidade de uso e a súa discreción.