Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Aula CeMIT de Narón.

Narón leva a formación TIC á contorna rural

Versión para impresiónSend by email
Narón, 31/01/18 (12:57)

Os locais sociais da zona rural de Narón acollerán cursos de informática a partir do vindeiro mes de febreiro. A concelleira de Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, explicou esta semana que a iniciativa enmárcase na programación CeMIT Rural 2018 e que se vai desenvolve até o vindeiro mes de xuño. As sesións programadas impartiranse a grupos dun máximo de dez persoas, xa que se levarán aos locais sociais ese mesmo número de equipos portátiles, cedidos polo consistorio para realizar estes cursos. As persoas interesadas en anotarse poden facelo nos locais sociais de San Mateo, San Xiao, Doso, Castro, Pedroso, Sedes e O Val. 

Segundo fixo saber, “esta acción formativa é unha demanda dos veciños e veciñas que o ano anterior xa foron alumnos e alumnas e nos indicaron o modelo de curso a impartir que sería de utilidade para eles”. Nas clases aprenderán: Informática básica, Redes sociais e o Manexo de móbil e whatsapp, cunha duración de 51 horas. Os cursos programados teñen unha duración, en conxunto, de 357 horas, para o primeiro semestre do ano e cunha previsión de continuar a partir do mes de setembro con máis accións formativas desta índole.

As clases desenvolveranse en tódolos grupos en horario de tarde, a razón de dous días á semana, sendo de hora e media cada unha das sesións.

A edil de Novas Tecnoloxías destacou que se trata dunha proposta “coa que continuamos achegando desde o Concello as novas tecnoloxías á zona rural e deste xeito evitamos que os residentes deses núcleos non teñan que desprazarse ata a zona urbana para asistir a este tipo de oferta formativa, facilitándolles ademais os medios para poder realizar os cursos, neste caso os ordenadores portátiles”.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal