- O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, destaca a prevención da dependencia e a autonomía persoal das persoas maiores dalgunhas das propostas
O director xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia, Arturo Parrado Puente, mantivo unha reunión cos directores do centros sociocomunitarios da área de Vigo, na sede da Delegación territorial da Xunta de Galicia na cidade olívica, que contou tamén coa participación do seu máximo responsable Ignacio López-Chaves e tivo por obxecto avaliar como está a funcionar a nova programación de actividades para estes centros.
Na reunión, o director xeral trasladou aos encargados dos centros "o recoñecemento e agradecemento polo labor que están a realizar", á vez que recolleu as distintas suxestións e demandas que presentaron coa finalidade de introducir melloras na programación e nos propios equipamentos. Desde o pasado mes de outubro e ata o próximo mes de xuño, os centros socicomunitarios da área de Vigo acollerían no seu conxunto 450 actividades e estímase que a participación nas mesmas será de ao redor de 6.000 persoas.A rede autonómica de centros nesta zona está conformada polos equipamentos de Baiona, Bouzas, Calvario, Col, O Porriño, Rivera Atienza, Teis, Redondela e Vigo (Pi e Margall).
Así, nesta tempada de actividades que está a ter lugar os usuarios dos centros poden asistir a clases e talleres de temática moi variada, entre outras: talleres de arte (literatura, teatro, canción e instrumentos tradicionais), actividades físicas e de relaxación (ximnasia de mantemento, ioga, tai-chi, pilates, zumba, baile, risoterapia), inglés, chinés, informática, manualidades e labores, patronaxe e costura, pintura, taller de memoria, xadrez, cociña, arte floral, etc.
Oferta formativa
Respecto diso da programación, Parrado fixo fincapé en que se trata dunha oferta que “dá resposta ás preferencias dos usuarios e que está orientada a manter e potenciar as capacidades intelectuais, físicas e creativas dos participantes, así como a desenvolver e ampliar os seus coñecementos en idiomas, informáticas ou redes sociais, entre outras disciplinas”.
Ademais, subliñou que os centros sociocomunitarios teñen un carácter polivalente, están abertos a toda a poboación e dotados de recursos humanos, materiais e financeiros. Tamén apuntou que a través destas instalacións a Xunta fomenta o desenvolvemento de actividades de formación e animación sociocultural dirixidas a propiciar a relación entre os distintos sectores de toda a poboación, cunha especial dedicación ás accións relacionadas coa prevención da dependencia e coa autonomía persoal das persoas maiores.
Un dos obxectivos da Consellería de Política Social pasa pola posta en valor e relanzamento dos centros sociocomunitarios, como espazos para a integración e socialización, así como para propiciar unha vida activa e participativa mediante a programación de actividades. Na actualidade a Xunta de Galicia conta con 44 centros deste tipo dos que gozan cada ano preto de 30.000 persoas maiores. Destes centros, 16 atópanse situados na provincia de Pontevedra, 13 na Coruña, 11 en Ourense e 4 en Lugo.
O Goberno galego destina cada ano preto de 1,6 millóns de euros ao financiamento dos gastos de mantemento e realización de actividades destes centros sociocomunitarios, ademais de chegar a acordos con entidades que usan estes espazos para a realización das súas actividades, abertas a todos os seus usuarios.