Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Pequefilmes.

Pequefilmes mergulla na virtualidade máis imaxinativa aos máis pequenos da casa

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 19/01/18 (09:32)

Os vindeiros días a Cidade da Cultura (20 e 21 de xaneiro) vai acoller un evento especialmente indicado para as crianzas e para as nais e os pais que comparten con elas o seu gusto pola animación e os mundos dixitais. Trátase de Pequefilmes 2018, a nova edición do festival de cinema de curtas que este ano incluirá a proxección de máis dun cento de pezas e a celebración de obradoiros para familias: dúas accións formativas cuxo obxectivo é que pais, nais, fillas e fillos descubran a través do xogo os principios do cinema de animación. 

Os obradoiros, un sobre técnicas stop motion con alimentos e outro sobre emuladores virtuais con mesas de luz, achegaranlles formación básica no uso de técnicas e ferramentas de creación audiovisual. Amais de proxeccións e actividades divulgativas, o certame abranguerá votacións e premios do público. 

Boa parte das máis de cen curtas que se van exhibir no marco de Pequefilmes foron premiadas e/ou seleccionadas para os máis prestixiosos festivais de cinema infantil, xuvenil e de animación máis importantes do mundo, por exemplo o de Annecy (Francia), o Chicago ICFF, o Animamundi, o Animafest, o Dresdner Kinderfilmfest ou o festival de Clermont Ferrand (Francia). As pezas, con orixe en 33 países dos cinco continentes, artéllanse en tres seccións: Pequefilmes Vagalumes (de 0 a 3 anos), Pequefilmes Miñocas (máis de 4 anos) e Pequefilmes Fanecas (máis de oito). Co obxectivo de subliñar o protagonismo das crianzas que acudan ao certame, fomentando a vertente activa e crítica da súa participación no mesmo, os dous galardóns (Premio Miñocas e Premio Fanecas) serán elixidos polas nenas e nenos do público.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal