Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Presentación de "In Lugo".

A Deputación de Lugo oferta 51 talleres gratuítos, para maiores, sobre novas tecnoloxías

Versión para impresiónSend by email
Lugo, 17/01/18 (13:16)
O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto á concelleira de Benestar Social de Lugo, Ana González Abelleira, presentaron as actividades do 'In Lugo' para o primeiro trimestre do 2018, que inclúe 51 cursos e talleres sobre novas tecnoloxías cun total de 731 prazas, dirixidas todas elas a maiores da provincia. Campos Conde deu conta da nova programación do que é o primeiro centro de innovación social de Galicia nas instalacións do mesmo, na capital lucense, nun encontro con ducias de usuarios. 
 
“A Deputación, a través da TIC, renova o seu compromiso cunha actividade que vai moito máis alá da formación", comentou. "O fomento do uso das novas tecnoloxías entre os maiores da provincia desempeña un importante labor social do que me sinto especialmente satisfeito. Ademais, vese reflectido na alta demanda, xa que as diversas actividades organizadas en 2017 superaron os 2.500 usuarios”. 
 
O presidente provincial subliñou a utilidade das novas tecnoloxías e apuntou que “nos axudan no noso día a día e permiten que esteamos en contacto cos nosos seres queridos e coa sociedade en xeral, algo especialmente importante cando nos imos facendo maiores, porque promoven un envellecemento activo e favorecen a nosa autonomía”. Campos dixo aos usuarios que asistiron ao acto que “sodes a mellor proba de que aprender non ten idade, e todo un exemplo para aquelas persoas que cren que son demasiado maiores para introducirse neste mundo. Por iso animounos a que "venzan eses medos e comproben por eles mesmos que o uso da internet ou dos móbiles é moito máis fácil do que parece”. 
 
Novidades
Das 51 actividades que inclúe a programación do primeiro trimestre, 28 serán cursos comúns. “Haberá, como sempre, cursos básicos de uso da internet ou móbil para aqueles que estean a empezar. Entre as novidades destacan talleres máis específicos, como os de banca electrónica ou talleres de mensaxería como Messenger ou Whatsapp", apuntou o máximo responsable da Deputación. "Tamén se incrementará o número de talleres dedicados ao retoque fotográfico", engadiu, "unha das actividades máis demandadas polos usuarios”. Os outros 23 cursos serán de repaso. 
 
“Neste caso están especialmente destinados aos maiores que xa participaron nos cursos habituais. O obxectivo é refrescar o aprendido, polo que teñen uns contidos moi prácticos”, subliñou.
 
Para inscribirse, as persoas interesadas poden facelo a través das webs da fundación TIC, da propia Deputación de Lugo ou chamando ao teléfono 982 225 186.
Tema: Xeral
Fonte: entremayores
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal