A Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), celebrou 58 tecnogymkhanas pola accesibilidade nas últimas semanas nas que se sensibilizou a máis de 1.900 estudantes sobre as necesidades de apoio das persoas con discapacidade física e orgánica.
A “TecnoGymkhana pola Accesibilidade” celebrouse en 25 colexios e institutos de 16 provincias no marco do Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade, e forma parte das actividades do proxecto INCLÚE+D de COCEMFE de mellora da autonomía persoal do alumnado con discapacidade e de prevención do fracaso escolar, financiado a través da convocatoria de subvencións procedente do 0,7% do IRPF do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.
Estudantes de Primaria e Secundaria experimentaron de forma lúdica con diversas ferramentas que poden ser utilizadas para adaptar o posto de estudo, servir de produto de apoio ao alumnado con necesidades específicas de aprendizaxe, xerar materiais didácticos e comprobar como as novas tecnoloxías poden servir para crear espazos de traballo colaborativos comúns ás persoas con discapacidade e sen discapacidade, fomentando valores como o traballo en equipo, a accesibilidade universal e o deseño para todas as persoas.
A través de xogos de retos con placas Makey Makey, que converten en táctil calquera superficie, construíronse pianos con pezas de froita, mandos de videoxogos con papel e plastilina e a adaptación destes a persoas con mobilidade reducida. Ademais, esta iniciativa en forma de gymkhana “tecnolóxica”, incluíu xogos gamificados sobre o coñecemento da discapacidade, un buscador de espazos adaptados e a creación de historias animadas entre todo o alumnado sobre como un grupo colabora para a plena integración dunha persoa con discapacidade.
Rexístrate como: