Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cartel do programa.

A Fundación Everis lanza a terceira edición do seu programa de mentoría para diminuír a fenda de xénero

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 12/01/18 (10:22)
  • A iniciativa conecta a mozas de entre 15 e 17 anos con mulleres referentes do mundo académico, científico e empresarial, comprometidas con combater a fenda de xénero existente e case un cento delas participan no Programa
  • Durante o programa, as adolescentes traballan coas mentoras para alcanzar as súas aspiracións profesionais, descubrindo e potenciando o seu talento
 
Fundación Everis puxo en marcha a terceira edición do seu programa de mentoría (“PÚLSAR”) para mozas adolescentes que traballa pola redución da fenda de xénero. Así, grazas á xenerosidade de mulleres referentes en diferentes campos, as mozas son capaces de descubrir e potenciar o seu talento para continuar o seu itinerario formativo.
 
Nesta terceira edición incrementouse o número de participantes respecto ao ano anterior, intervindo en colexios de MadridBarcelona e, por primeira vez, de Santiago de Compostela. Ademais, está a levarse a cabo a expansión do programa a países de Latinoamérica onde everis ten presenza; como Brasil (onde xa se realizou a primeira edición), así como México e Perú (que lanzarán a iniciativa en 2018). A día de hoxe, case un cento de mozas forman parte do Programa.
 
Este ano, como novidade, a Fundación Everis impartiu charlas motivacionais nos centros educativos a preto de 1.000 estudantes (mozos e mozas) de 4º ESO e 1º de Bacharelato, para transmitirlles a importancia da autoestima na adolescencia e conciencialos da existencia da fenda de xénero na sociedade.
 
 
Metodoloxía innovadora para o desenvolvemento do talento
A metodoloxía desta iniciativa está baseada no “learning by doing” (“aprender facendo”), e o método de traballo está orientado á curiosidade, a exploración, o descubrimento, a interacción e creación dos contidos, así como a reflexión e conexión destas aprendizaxes co seu día a día.
 
Cada adolescente ten asignada unha mentora individual para traballar e explorar as súas habilidades, coñecer oportunidades profesionais e poñer o foco no seu talento a través de distintas sesións ao longo do curso escolar.
 
Karla Alarcón, directora da Fundación Everis, apunta que “é fundamental que os pais e as institucións educativas avancen xuntos para conseguir a igualdade de oportunidades e tamén é necesario que as mozas sexan capaces de descubrir o seu propio talento. Para iso, cremos importante achegalas a mulleres referentes que as impulsen no seu crecemento persoal e, por tanto, profesional, a través da súa propia experiencia”.
 
Pola súa banda, unha das adolescentes participantes na segunda edición, baixo as siglas C. L., sinala: “O programa PÚLSAR reforzou a miña autoconfianza e axudoume a aclarar as miñas ideas con respecto a que quero dedicarme no futuro. Ademais, aprendín que as mulleres tamén valemos moito, que podemos chegar a ser o que queiramos”. Doutra banda, apunta que “é importante que este programa se fomente porque axuda ás mozas para crecer, a mellorar e a reforzar a propia autoconfianza; é algo que necesitamos e que moitas veces non sabemos como conseguilo”.
 
 
Por que esta iniciativa? Estereotipos de xénero e baixa autoestima
O informe PISA (Ministerio de Educación, Cultura e Deporte: PISA en FOCUS Nº49. Que subxace baixo a desigualdade de xénero en educación?) indica que as mozas obteñen peores resultados en matemáticas e ciencias debido á falta de confianza en si mesmas e sinala ademais que non ven preparadas para o mundo laboral un 10% máis de mozas que de mozos.
 
Paralelamente, a publicación da UNESCO Descifrar as claves: a educación das nenas e as mulleres en ciencias, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas, que afonda nos obstáculos para a participación das mozas nas STEM (disciplinas académicas de ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas), apunta como os estereotipos de xénero que definen estas disciplinas como dominios masculinos afectan negativamente o interese das mozas por estes estudos. Como consecuencia, a fenda de xénero neste ámbito é profunda: só o 35% dos estudantes que están a cursar carreiras neste ámbito son mulleres.
 
Acceso a esta noticia na Web da Fundación Everis.
Tema: Xeral
Fonte: discapnet
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal