Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Presentación do estudo.

A Xunta e Acción contra a Fame poñen de relevo os sectores emerxentes para o futuro laboral da mocidade

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 22/12/17 (10:55)
  • A directora xeral participou nunha mesa de debate e información na que se puxo de relevo que o comercio, as TIC, o turismo ou os sectores agroalimentario e de servizos ás persoas son os que maiores oportunidades presentan en Galicia
  • Cecilia Vázquez lembrou que a administración autonómica pón a disposición dos mozos e mozas o programa Deseñando o teu futuro, para achegarse á realidade do mundo laboral
  • Ademais, a Xunta conta cunha folla de ruta para a retención do talento emerxente de Galicia (Pertega) e co proxecto de cooperación internacional Lidera que facilita a adaptación e colocación de xente nova que non estea no mercado laboral

 

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou na Cidade da Cultura na mesa de sectores emerxentes en menores de 30 anos no marco da presentación do estudo Oportunidades de negocio en Galicia elaborado por Acción contra a Fame.

O estudo aporta información sobre a situación do emprendemento na nosa comunidade e sobre as oportunidade sectoriais detectadas nas diferentes comarcas da rexión. O documento contou coa participación de 68 empresas galegas e 30 axentes de referencia en emprendemento e entidades públicas e privadas.

Durante a súa intervención, Cecilia Vázquez, fixo alusión á importancia da elaboración deste tipo de estudos para que a mocidade poida orientar o seu futuro profesional. Así, campos como o do comercio, TIC, turismo, agroalimentario e de servizos ás persoas son os que presentan maiores oportunidades de negocio en Galicia.

A directora xeral lembrou que a Xunta pón a disposición da mocidade galega diversas iniciativas de como Pertega, Lidera o Deseñando o teu futuro. Este último é unha iniciativa de educación non formal cuxo obxectivo pasa por achegar á mocidade galega á realidade das empresas mediante o desenvolvemento de estadías visitas en distintos sectores. Os participantes teñen a oportunidade de coñecer o mundo laboral durante un máximo de 15 días, compartindo espazos e experiencias cos traballadores de diversas compañías. No marco deste programa no 2017, fináncianse 25 proxectos presentados por concellos e entidades sen ánimo de lucro, que facilitan a participación de 358 mozos e mozas.

Así mesmo, subliñou que a Administración autonómica conta cun programa de estudo para a retención do talento emerxente de Galicia (Pertega), unha folla de ruta que pretende fomentar as sinerxías entre os axentes implicados no desenvolvemento do talento da mocidade. Esta proposta incide na importancia de reforzar a capacitación das habilidades transversais máis demandadas polo mercado laboral e apostar por iniciativas de crecemento persoal que aceleren as capacidades e dean resonancia e visibilidade aos mozos e mozas máis cualificados, premiando o seu talento e esforzo.

Por último, Cecilia Vázquez puxo o foco no proxecto de cooperación internacional Lidera, impulsado pola Xunta con outras entidades galegas e de Portugal que ten como obxectivo de poñer en valor as capacidades laborais e de emprendemento da xente nova que reside na Comunidade Autónoma e na rexión norte do país veciño. No que atinxe aos obxectivos específicos do programa, a responsable do departamento autonómico de Xuventude sinalou que estes pasan por facilitar a adaptación e colocación de xente nova que non estea no mercado laboral a través da realización de actividades relacionadas coa busca activa de emprego, o empoderamento, a mellora da empregabilidade e a posta en valor das súas inquedanzas persoais. Estas lévanse a cabo na rede de Espazos Xove da Xunta de Galicia, o que contribúe ademais a dinamizar e optimizar os usos destes centros.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal