Pontevedra,
20/12/17 (11:17)
- A Casa dás Campás acolleu un taller coloquio da asociación Asaex, para persoas maiores desta institución universitaria, sobre 'Big data' e datos persoais na Rede
Concienciar sobre a necesidade de adoptar "actitudes preventivas que eviten o mal uso, ou o uso indebido de datos persoais” e contribuír así a fomentar unha certa “cultura de protección de datos” nuns tempos nos que a presenza de información de todo tipo na Rede “trouxo consigo unha nova problemática que afecta á confidencialidade e á privacidade individual”. Este foi, como sinala José María Fernández, presidente da asociación de alumnado sénior do campus de Pontevedra, Asaexs, o propósito central da actividade que, coa colaboración da vicerreitoría, promoveu este colectivo na Casa dás Campás da capital pontevedresa.
O profesor da área de Ciencia Política e da Administración da Universidade, Celso Cancela e o consultor público, Gregorio Andión, foron os protagonistas dun coloquio dirixido a achegar ás persoas asistentes as ferramentas normativas existentes para xestionar a súa información persoal.
Nese sentido, Fernández lembrou que, na actualidade, boa parte das relacións coas administracións, con empresas públicas ou privadas, realízanse a través de Internet, o que “para moitas persoas maiores supón un gran esforzo, e o que fai necesarias actividades como esta". Máxime, engadiu, cando a Federación Galega de Asociacións Séniores (Fegaus), á que pertence Asaexs, participa en varios proxectos relacionados coas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e os maiores, como a plataforma Ágora ou o proxecto europeo Simplifying de interacción coa administración pública e a información tecnolóxica entre as entidades e a cidadanía.
Novo marco normativo
Co devandito obxectivo de concienciar e sensibilizar e partindo da idea de que “o big data non é obviamente o único que afecta á protección de datos”, Cancela centrou a súa intervención en poñer de relevo que “non somos conscientes” da importancia e do uso que se poden facer de datos tan sinxelos como un código postal, “que nunha gran cidade supón proporcionar información do teu perfil socioeconómico". E tamén para incidir en que, lonxe de “visións paranoicas”, un elemento clave é o compoñente ético, “o uso que se vai a facer destos datos, que se poden empregar tanto para programas sanitarios e na educación como para a ciberdelincuencia”.
Unha vez abordado un marco xeral, que abarcou desde as políticas de cookies que se aceptan sen ler, á idea de 'herdanza dixital', de que ocorre coas contas e publicacións dunha persoa cando falece, Andión enmarcou este panorama na lexislación sobre a protección de datos de carácter persoal. Nese sentido, este consultor e titulado en Dirección e Xestión Pública abordou o cambio normativo que vai supoñer, en maio de 2018, a entrada en vigor dun regulamento comunitario que “supón un cambio substancial respecto da actual lei orgánica, hai máis deberes para as empresas e máis dereitos para os cidadáns”.
Esta normativa, explicou, supoñerá, por exemplo, que o dereito ao esquecemento poida tramitarse directamente a través a axencia de protección de datos, á vez que permitirá unha "homoxeneización" normativa no seo da UE, xa que ata o de agora "era moi fácil que unha empresa tivese o seu domicilio social nun estado membro no que a lexislación fora máis permivisa".
Dous días de debate co foco na rede
Este coloquio sobre Big Data viuse precedido polo encontro que Asaexs e o Programa Universitario para Maiores promoveron na Casa dás Campás co obxectivo de mostrar como, a través da Rede, pode accederse á cultura universal empregando o idioma galego. Con este propósito, o coloquio contou coa participación do filólogo e docente Anxo González Guerra, coordinador, xunto a Vitoria Ogando da web:
www.ogalego.eu, que reúne diferentes ferramentas para a aprendizaxe en galego. Actividade que contou ademais coa participación de Adrián Estévez, administrador da Galipedia, a versión en lingua galega da enciclopedia colaborativa dixital Wikipedia.
Tema: Xeral
Fonte:
entremayores