- O 'Co Lab' ou Laboratorio Cidadán, mediante a Concellería de Participación e Innovación Democrática, aborda a situación das persoas maiores da cidade
A Concellería de Participación e Innovación Democrática, a través do Laboratorio Cidadán da Coruña, impulsou nos meses de novembro e decembro, a posta en marcha do proxecto de innovación social 'Soidade'. Un plan que, a través de diferentes encontros, abordou a situación das persoas maiores da cidade que pasan tempo soas, “unha problemática especial incidente en sociedades como a galega”, segundo sinala a edil Claudia Delso.
O Co-Lab é o laboratorio cidadán da Coruña. Un espazo aberto no que persoas e colectivos de toda a cidade, con distintas capacidades, visións e coñecementos, deseñan e desenvolven xuntos accións para a mellora da súa contorna. Neste sentido, segundo Delso, 'Soidade' abriu diferentes espazos de reflexión colectiva nos que, a través de metodoloxías creativas, exploráronse retos e novas ideas, para diminuír estas circunstancias na cidade, e proxectar, no futuro, o reto demográfico local que ten especial incidencia en sociedades como a galega.
O proxecto, subliña, "desenvólvese nun momento no que tanto os servizos públicos como as entidades sociais reciben unha forte demanda de necesidades asistenciais do colectivo de maiores". Por iso o plan propoñía "abrir un proceso de deseño colaborativo para achegarse aos retos presentes e futuros sobre a temática, así como reflexionar sobre o papel que as cidades terán nesta problemática social ao longo do século XXI”, afirma a concelleira. “Estamos a contar cunha alta presenza de persoas de idade avanzada, que participan activamente na dinámica de traballo do proxecto, identificando as súas principais problemáticas e indagando en posibles solucións para abordalas" engade.
Colaboración mutua
Paralelamente, o proxecto está a incorporar tamén a perspectiva das diferentes entidades públicas e privadas que traballan con este sector da poboación, coa idea de xerar unha comunidade ampla e que avance no deseño de respostas conxuntas. Os espazos de reflexión colectiva, denominados 'Encontros da Soidade' celebráronse en tres semanas consecutivas en distintos centros cívicos da cidade. Estas reunións permitiron, a través de metodoloxías creativas e dinámicas áxiles, “identificar retos e xerar ideas e posibles solucións de futuro”, matiza Delso.
"A primeira delas tivo lugar o 7 de novembro, no Centro Cívico da Cidade Vella. Despois, os días 14 e 15, realizáronse encontros reservados ás persoas maiores, en diversos espazos municipais da cidade e, finalmente, tivo lugar un último encontro o presente en Galicia", segundo sinala a edil Claudia Delso.
Unha vez finalizadas as reunións, encontros e talleres, o Centro Agora acolleu, o 12 de decembro, a xornada pública 'Foro da Soidade' na que participaron persoas expertas no ámbito e no que se visualizou unha mostra de experiencias relacionadas cos retos identificados nos 'Encontros da Soidade'.