Utilizar as últimas tecnoloxías para a protección da infancia é o que fixo a ONG Internacional de Cooperación ao Desenvolvemento e Concienciación, itwillbe, coa colaboración da tecnolóxica Fujitsu, aplicando o proxecto ChildMISS de identificación biométrica polo que, mediante un lector que captura información da persoa a través dunha exploración infravermella das veas e o osíxeno do sangue na palma da man, é capaz de identificar aos “invisibles”, os nenos e nenas da rúa.
O proxecto arrincou en Bangalore (India) e quere chegar pronto aos 11 millóns de nenos afectados en todo o país para crear unha base de datos correcta de menores para facer máis eficiente o traballo de intervención social dos centros e, o máis importante, mostrar ao Goberno indio datos, reais e transparentes, deste grave problema social. Antes de ser implantado, fíxose un proxecto piloto no colexio St. Michael's School en Madrid, con nenos de 6 e 14 anos, que foi todo un éxito ao conseguir un 100% de acerto na identificación con esta tecnoloxía.
O sistema utiliza a solución de autenticación e identificación biométrica Palm Vein baseada nun lector ou escáner de veas sen contacto, que se integra a un portátil ou tableta onde se recollen todos os datos biométricos dunha persoa. Combina un sensor contacless xunto á seguridade biométrica e a identificación realízase en apenas un segundo. Cada patrón da vea da palma da man é único, mantense durante toda a vida e para poder facer a autenticación o sangue debe estar a fluír.
“En Itwillbe.org cremos firmemente nas novas tecnoloxías como ferramentas clave para acabar coa pobreza no mundo” sinala Arancha Martínez, directora da ONG, “se no sector privado os datos permiten ás empresas deseñar e producir os mellores produtos e servizos para cubrir as necesidades dos seus clientes, con máis razón o que traballa por erradicar os grandes problemas globais como a fame, a trata de persoas ou as epidemias debe ter acceso a datos fiables e a ferramentas de xestión dos mesmos innovadoras e eficaces”.
Itwillbe está na actualidade en conversacións con diferentes ONG como Mans Unidas, Acción contra a fame, Unicef India, entre outras moitas, para poder chegar a todos os colectivos vulnerables que carecen de identidade recoñecida, o cal dificulta o seu correcto seguimento para poder protexelos e axudalos. Entre estes colectivos figuran persoas migrantes e refuxiadas, vítimas de trata, desastres naturais, conflitos bélicos etc., ademais de ter aplicacións, por exemplo, en temas de epidemioloxía.
Rexístrate como: