Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Exterior do Centro Sociocultural de Vite.

Os composteláns teñen unha cita dupla coa recuperación de computadores en desuso

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 24/11/17 (10:07)

O colectivo compostelán Tropa Verde vai organizar este 23 de novembro dous obradoiros destinados non só a facernos lembrar que é posible darlles segundas e terceiras vidas aos computadores que criamos “liquidados”, senón tamén a salientar que este labor de recuperación podemos levalo a cabo nós mesmos coas nosas propias mans (espírito Maker). Os dous talleres, inseridos na campaña Longa vida aos teus residuos electrónicos, enmárcanse tamén nas actividades da Semana Europea da Prevención de Refugallos. A cita dupla será primeiro no centro sociocultural de Vite (ás 17.00 horas) e logo no do Ensanche (ás 19.30 horas). A iniciativa vén da man do colectivo Tropa Verde (Concello de Santiago e a firma Teimas) e as empresas Revetia e Recyclia.

O obxectivo destas dúas actividades é que os/as asistentes tomen conciencia do “importante que é para o medio ambiente unha correcta xestión deste tipo de refugallos”. Ademais, váiselles ensinar a valorizar de maneira sinxela algúns destes aparellos. Segundo informan as entidades responsables destes obradoiros, “facer un traballo de restauración de equipos informáticos pode evitar a emisión de CO2 equivalente ao consumo dun coche durante 1.600 quilómetros”. Nos obradoiros realizarase casos prácticos de reutilización para computadores, mostrando ás persoas participantes como abrir a carcasa e os principais compoñentes que se poden cambiar, o borrado seguro da información dos discos duros e como volver instalar o sistema operativo. Para seguir co lema da Tropa Verde, Reciclar ten premio, sortearase entre todas as persoas participantes un PC de sobremesa refugado.

Tropa Verde recorda tamén que só en España “xéranse 800 mil toneladas ao ano de residuos eléctricos e electrónicos, dos que apenas un terzo se xestionan de maneira acaída”.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal