Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Persoa usando un smartphone.

O 85% da mocidade galega usa aplicacións de mensaxes instantáneas

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 16/11/17 (11:36)

Asus vén de realizar unha investigación sobre o uso que as novas xeracións lle dan ás novas tecnoloxías móbiles no ámbito estatal. O estudo Asus, mocidade e tecnoloxía, realizado para determinar e mostrar o papel que xogan os dispositivos nas relacións entre a xente nova, ten unha vertente galega cunha serie de datos de interese. Por exemplo: que o 85 % dos mozos da nosa terra emprega aplicacións de mensaxes instantáneas. Porén, na investigación tamén se reflicte que na nosa Comunidade non nos excedemos en tempo diante das ditas ferramentas: só o 15% da xuventude galega emprega este tipo de apps móbiles polo menos tres horas ao día, contrastando co 25% dos madrileños e o 23% dos andaluces. 

A nivel estatal, o 56%% dos enquisados confesa tirar proveito dos dispositivos tecnolóxicos para falar cos seus amigos polo menos unha vez ao día, aínda que esta porcentaxe varía segundo o rango de idade. Así, o 64% das persoas que se atopan no treito comprendido entre os 18 e os 25 anos recoñece estar en contacto constante cos seus amigos, mentres que a taxa cae ao 50% entre os 26 e os 35 anos. 

O estudo desvela que entre as aplicacións de mensaxes instantáneas, Whatsapp é a ferramenta de comunicación favorita para os mozos cun 85%, seguido polas redes sociais cun 9% e as chamadas telefónicas cun 6%. En canto ás redes sociais, un 53% dos mozos utilízaas para manterse ao día do que fan as súas amizades. 

No estudo tamén se di que só un 7% dos enquisados recoñece empregar as ditas ferramentas para ligar ou coñecer xente nova. Neste senso, percíbense diferenzas significativas entre Comunidades. De feito, a mocidade galega é a que máis utiliza as aplicacións para tal fin (9%), seguida polos madrileños e os andaluces (ambos cun 8%). En cambio, só un 6% dos mozos cataláns enquisados afirma utilizar aplicacións tecnolóxicas para ligar.

No informe tamén se reflicte que o 73% dos mozos españois comunícase principalmente a través de ferramentas de mensaxes instantáneas coa súa parella, revelando un 51% facelo de forma continua. Por Comunidades, os valencianos acadan un 82%, seguidos polos cataláns cun 76%. Os que menos se comunican coas súas parellas a través das aplicacións son os galegos (67%) e os aragoneses (63%).

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal