- As Aulas da Terceira Idade de Galicia inauguran a súa actividade co recoñecemento institucional e apoio ao seu labor de especialistas e expertos de recoñecido prestixio de todo o país
Rompendo estereotipos, en positivo, unha vez máis: o saber non ocupa lugar nin ten idade. Así comeza o curso das Aulas da Terceira Idade de Galicia (Ategal) que o 20 de outubro celebrou un acto de inauguración en Santiagode Compostela. Ao evento, organizado no auditorio local de Afundación, asistiron preto de 300 persoas das 1.200 que forman o alumnado das súas nove sedes galegas.
O novo curso empeza este ano cunha gran novidade: novas instalacións, con aulas específicas de maior espazo, así como a ampliación en número de materias, cursos, obradoiros e actividades presenciais e dixitais.
“Temos un espectacular aumento da demanda para Internet, móbil e tabletas”, subliña a vicepresidenta de Ategal, Paula Sande, que lembra que a entidade engade este ano, á súa oferta de formación e participación, varios proxectos para o seu alumnado como ‘Neuron_Up' (de estimulación cognitiva en liña e con móbiles), ‘Smart Ategal Ageing on Way' (de formación e uso de móbiles para maiores), ‘Active post workin life' (encontros senior) e ‘Simpático', proxecto europeo H2020 coa Xunta de Galicia e a Universidade de Deusto de socios.
Todo isto compleméntase, sinala, “coas actividades, obradoiros e cursos habituais en saúde, cultura e formación”, como ioga, pilates, taichí, ximnasia, estimulación cognitiva, piscina, educación para a saúde, Antropoloxía, arte, Historia, Literatura, inglés, francés e coro, música ou pintura.
Cidades amigables
Miguel Ángel Valero Duboy, director do Centro de Referencia Estatal de Autonomía Persoal e Axudas Técnicas do Imserso (Ceapat), inaugurou o curso coa conferencia ‘Que é para ti unha cidade amigable?', na que relacionou o envellecemento activo coa transformación das cidades: “Se a persoa maior se move, en todos os sentidos e non só o físico, a cidade avanza, mellora e transfórmase”.
Valero lembrou que envellecer, “como é natural”, diminúe as nosas capacidades físicas, sensoriais ou cognitivas. Pero, se existe unha contorna “amigable que promova a actividade física e funcional, que potencie a participación individual e colectiva”, a capacidade funcional, asegurou, “diminúe menos” e, ademais, permítelle á persoa maior “ter un enfoque proactivo co que atender as súas necesidades nesta nova etapa vital”. Valero puxo o exemplo de Santiago de Compostela que, como todas a cidade amigables, debe atender ditas necesidades como ofertar servizos específicos para as persoas maiores: “iso é un avance cara a unha cidade amigable”, dixo.
App exclusiva
Ategal ten outra gran novidade para este curso: unha aplicación para o teléfono móbil que servirá á entidade e ao alumnado para comunicarse e relacionarse entre si e co resto da sociedade. Esteban Vázquez, responsable de Tesla &Technologies, a empresa que a deseñou e puxo en marcha exclusivamente para Ategal, presentouna na inauguración do novo curso, tras destacar que servirá “non só para aprender, senón tamén para estar informado e conectado”, subliñando que “conectados, pero non sós” pois, a App, matizou, “é ademais un punto de encontro e lugar de referencia”.
A aplicación que se manexa como unha plataforma tipo Whatsapp, aínda que máis completa, intuitiva e sinxela, dispón dunha parte privada do alumno e outra pública á que pode acceder calquera persoa para coñecer a entidade, as súas actividades, novidades, etcétera. A parte privada contén varias seccións con horarios, notificacións, información dos talleres, materias e actividades, fotos e información que permitirá a Ategal e alumnado estar en contacto permanente e interactuar en todo o necesario.