Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Galicia Maker Faire 2017.

Galicia Maker Faire arrancará cunha xornada profesional de Industria 4.0

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 25/10/17 (10:28)

Galicia Maker Faire, a feira referencial de argalleiras/os da nosa terra (e de máis alá), vai collendo corpo. Se os días pasados falamos da incorporación ao equipo de participantes dun argalleiro de excepción, Richard Stallman, hoxe é a quenda de confirmar que a feira celebrarase en Compostela os días 24, 25 e 26 de novembro e que contará, por vez primeira, cunha xornada dirixida especificamente ao sector profesional e na que participarán figuras senlleiras a nivel internacional no ámbito da innovación. Esta xornada profesional está programada para a mañá do 24 de novembro. O programa de actividades abranguerá charlas e debates sobre múltiples temas (Industria 4.0, tecnoloxía, innovación, produtividade intelixente e movemento Maker) con múltiples vantaxes para todo tipo de ámbitos empresariais; e abordados dende múltiples puntos de vista. Por exemplo o de Tomás Garces, enxeñeiro principal de Deseño en First Build, proxecto innovador levado a cabo por General Electric; ou os de Arian Group e Edesdev.

Ademais, haberá un espazo de exposición sobre Industria 4.0 no que os asistentes poderán coñecer de primeira man exemplos da Galicia máis innovadora, coa presencia de makersgalegos compartindo os seus achados e enxeños tecnolóxicos. O acto rematará cunha entrega de premios na que se resaltará ao proxecto máis innovador dos expostos​ durante ese​ día. As empresas interesadas en asistir a esta xornada poderán inscribirse na páxina web do evento, galicia.makerfaire.com, onde teñen habilitado un formulario.

O obxectivo dos organizadores da Galicia Maker Faire con esta sesión profesional de apertura é “que a xornada funcione como punto de encontro entre os argalleiros e a industria máis avanzada, favorecendo a aparición de sinerxías que poidan levar a unha colaboración fluída entre estes dous mundos tan complementarios”. Desta maneira, “as compañías poderán coñecer os proxectos tecnolóxicos máis innovadores levados a cabo por​ emprendedores e estes terán unha gran oportunidade​ de acadar posibles socios e colaboradores”. Os contidos desta primeira xornada terán continuidade con diferentes charlas e actividades durante a celebración da feira propiamente dita, o 25 e 26 de novembro, na que contarán, entre outros, coa presenza de importantes figuras significativas a nivel mundial como a de Richard​ ​ Stallman,​ ​ creador​ ​ do​ ​ movemento​ ​ do​ ​ software​ ​ libre.

Detalles sobre a xuntanza
O evento internacional Galicia Maker Faire vén da man de VermisLAB e O Gato Cósmico, do Concello de Santiago (Concellería de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo) e da Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Na presentación da feira, celebrada o pasado mes de maio, fíxose saber que durante as edicións de 2015 e 2016 acudiron máis de 24.000 asistentes e máis de 300 makers dando conta dos seus enxeños, converténdose “en punto de encontro dos mellores creadores da Comunidade e axudando a potenciar unha Galicia máis innovadora e colaborativa”, explicouse. 

Nesta nova edición, ademais, puxéronse en xogo unha serie de novidades. Por exemplo o cambio de emprazamento, que pasa a ser a Cidade da Cultura, con todo o que de visibilidade e amplitude implica o troco de localización.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal