Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, será un dos inauguradores do encontro.

O ciberacoso de xénero e na mocidade, a debate este 10 de outubro no CCG

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 10/10/17 (11:47)

O Consello da Cultura Galega vainos achegar á realidade das novas formas que están a adquirir a violencia de xénero e o acoso ao abeiro das novas tecnoloxías da información: formas que manteñen o mesmo substrato pero que engaden perigosos ingredientes: anonimato, viralidade e mantemento no tempo do problema (perpetuación nos diferentes sitios e terminais de actividade acontecida hai tempo). A xornada Ciberacoso: violencia de xénero e mocidade (formato PDF) vén da man a Comisión de Igualdade do CCG, con Carme Adán e Nieves Santomé en labores de coordinación. Ramón Villares, presidente do Consello, e María Xosé Porteiro García, coordinadora da Comisión de Igualdade do CCG, serán os encargados de inaugurar a cita. Nela, abordarase “un tema de actualidade como é a violencia de xénero, centrando o foco nas idades máis temperás e no uso das tecnoloxías”. 

Contarase coa presenza de policías, investigadores e expertos, entre os que cómpre salientar a antropóloga e feminista arxentina Laura Segato. Segundo informan as organizadoras, “debido á delicadeza do tema e a seguridade das persoas participantes, algunhas das sesións non se poderán retransmitir por streaming”. 

Segundo informa a Comisión de Igualdade sobre os porqués da xornada, cómpre impulsar o debate acerca do rumbo que queremos dar á Sociedade do Coñecemento, que faga honra ao seu nome e sexa integradora, formativa e beneficiosa, ou non. Apuntan as integrantes da comisión: “As redes sociais e o ciberespazo poden devir en espazos de liberdade e transformacións e, tamén, “en novas trampas para reproducir os modelos de submisión e violencia contra as mulleres”. Atendendo a isto, desde a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega consideran “importante contribuír ao debate social”, de aí a convocatoria dunha xornada que, “desde unha óptica multidisciplinar, antropolóxica, educativa, xurídica, policial, entre outras”, permita afondar “na relación violencia-mocidade nas contornas vinculadas coas novas tecnoloxías”. E engaden: “Propoñemos unha achega ás novas formas de violencia que, acotío e a través do ciberespazo, se traducen en formas de control e dominación sobre as mozas”.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal