Setenta e oito persoas con discapacidade conseguen inserirse laboralmente tras participar no programa de inserción `PARTICIPA coa dis-CAPACIDADE´ de capacitación mediante as TICS para a inserción sociolaboral, un proxecto no que participa a Fundación Vodafone España e que pretende potenciar o uso das novas tecnoloxías, darlle un uso para que sirvan como un apoio ás persoas que están a buscar emprego.
O programa, iniciado en xaneiro e que finalizará en decembro, está a cumprir, e mesmo superando, as expectativas marcadas pola área de emprego de COGAMI. Aínda que o propósito marcado era alcanzar o obxectivo de que o 49% das 150 persoas participantes logren inserirse no mercado laboral, as cifras conseguidas ata agosto indican que esta porcentaxe está superada, conseguindo que o 52% das persoas participantes estean a traballar.
Os perfís das persoas seleccionadas no programa son similares: persoas con discapacidade ou incapacidade laboral recoñecida para o desenvolvemento da súa profesión habitual, carecer dun contrato laboral durante os seis meses anteriores ao programa e todas son persoas con maiores dificultades de inserción (por iso é polo que a metade de participantes sexan mulleres). Segundo o lugar do que proceden, 24 dos participantes son da Coruña, outras 24 son de Santiago Compostela, 18 de Ferrol, 18 de Lugo, 19 de Ourense, 22 de Pontevedra e 25 proceden de Vigo.
Sete orientadores laborais, situados nas oficinas que COGAMI ten abertas nas principais cidades galegas, son os que se encargan de valorar e avaliar as potencialidades e capacidades de cada unha das persoas participantes no programa e a súa motivación. Tras as entrevistas personalizadas, estes orientadores laborais trazaron un itinerario o máis axustado posible aos intereses e posibilidades da persoa.
Ademais de asesoramento, o programa `PARTICIPA COA dis-CAPACIDADE´ ofrece información, formación e capacitación en TICS baseado en soportes, equipamentos, tecnoloxías e software adaptados, co propósito de facilitar a busca de emprego e poder acceder ao mercado laboral. Para isto, desenvolvéronse 5 talleres grupais explicativos para asesorar e encamiñar aos participantes na procura de emprego nos que participaron 102 persoas do programa; xestionáronse 33 prácticas en empresas (podendo ser este un paso previo á inserción); impartíronse talleres sobre novas tecnoloxías nos que participaron 105 persoas; asesorouse na elaboración do currículo 2.0 ou audiovisual desde a preparación do guion ata a presentación e gravación; impartíronse 11 círculos de emprego onde se comparten experiencias e estratexias sucesivas durante a procura de emprego e, por último, impartiuse formación para explicar as ferramentas ou apps que existen especializadas na procura de emprego e que se poden descargar nun Smartphone.
Parte importante dentro do programa é tamén a acción de visitar empresas para realizar labores de sensibilización cara á discapacidade, informar sobre bonificacións e incentivos que hai na contratación dunha persoa con discapacidade e para xestionar ofertas de emprego. Visitáronse 176 empresas novas, fíxose seguimento a 243 empresas coas que xa se mantén o contacto. Finalmente, abríronse un total 427 ofertas de emprego.
Rexístrate como: