Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Persoas maiores

I Xornada Voluntariado e Persoas Maiores

Versión para impresiónSend by email
Vigo, 28/09/17 (08:44)
A eliminación dos edadismos ou prexuízos pola idade, a potenciación do voluntariado para as persoas maiores, a reivindicación do papel do médico de familia na calidade de vida das persoas maiores e a reivindicación das cidades amigables protagonizaron a xornada de inauguración da I Xornada "Cidadanía e vellez en Galicia: o voluntariado e as persoas maiores. Oportunidades e sinerxias", que coorganizaron este mércores 27 de setembro en Vigo a Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX) e Amigos dos Maiores (delegación en Vigo da ONG Fundación Amigos dos Maiores) na sede de Afundación da cidade. Un encontro non só de carácter técnico e científico, senón tamén aberto ao público en xeral e que reuniu a preto de 130 persoas.
Así, o presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, Miguel Angel Vázquez explicou que as persoas maiores "teñen que ter maior protagonismo e un espazo concreto na sociedade, onde teñen moito que dicir e facer". Por iso, afirmou,  "todas as entidades do sector como a SGXX temos a obrigación de xerar espazos onde as persoas maiores teñan unha presenza e sexan algo importante". "Agora mesmo a sociedade está cargada de estereotipos, de edadismos, de prexuízos cara ás persoas maiores" subliñou, "que reducen enormemente o espazo das persoas maiores na sociedade, que elimina os seus dereitos e suprímense as súas posibilidades".
 
A presidenta da Fundación Amigos dos Maiores, Mayte Sancho cualificou o voluntariado como un "agasallo para as persoas maiores e mesmo para as que prestan o voluntariado" segundo os testemuños que reciben a diario na entidade que preside, todos positivos, asegurando que "acompañar á persoa maior dá moito en todos os ámbitos e sentido e a todas as partes que participan".
O presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec) Jesús Sueiro, puxo en valor o labor dos médicos e médicas de familia na calidade de vida das persoas maiores, especialmente por ser responsables de atender ás persoas durante longo tempo, en moitas ocasións durante toda a vida. De feito, comentou, "somos médicos de acompañamento desde o berce ata a cama e, precisamente un dos mometos máis importantes é o do envellecemento onde necesitan máis atención e de forma diferente".

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, agradeceu a presenza e labor da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría nesta xornada e deu a benvida á Fundación Amigos dos Maiores coa súa nova sede de Vigo, agradecendo o seu labor de voluntariado para persoas maiores, "imprescindible en toda sociedade" dixo, advertindo que, "cando falamos de maiores, non se debe falar do que é alleo". Nese sentido, engadiu, "son privilexiado porque eu son maior e estou aquí e son o alcalde de Vigo e penso seguir siendolo polo menos durante 20 anos máis", anécdota que mencionou para pedir publicamente a eliminación das derivadas negativas que aínda existen nalgúns sectores da sociedade. Mesmo en forma de eliminación de dereitos das persoas maiores. Por iso reclamou a constitución e desenvolvemento de cidades amigables, como Vigo, asegurou.
 

Beneficios do voluntariado

Nesta xornada debateuse en todos os relatorios sobre voluntariado e soidade nas persoas maiores desde diferentes puntos de vista. De feito, evidenciou que o voluntariado,  ademais de supoñer unha experiencia interxeracional e un enriquecemento persoal para os seus participantes, é unha ferramenta cidadá e colaborativa que contribúe a un envellecemento de calidade: favorece a autonomía, participación, inclusión e desenvolvemento persoal e social das persoas maiores, paliando a soidade non desexada e os seus efectos na saúde.
O científico e o afectivo non son campos opostos, senón complementarios. Está demostrado que a soidade non desexada pode afectar á saúde, igual que o estado de saúde pode afectar o estado anímico.

Datos sobre soidade

En menos de 50 anos, 1 de cada 3 españois terá 65 ou máis anos (o 34,6% da poboación en 2066 segundo proxeccións do INE). Hoxe este colectivo xa representa case un 20% de toda a poboación e supera ao segmento dos menores de idade. Este envellecemento irá acompañado do aumento da taxa de dependencia e de problemas como a soidade non desexada, factor de risco para a saúde física e mental.

O encontro nace como espazo de debate profesional e científico que analiza como o envellecemento e os actuais retos demográficos e sociais afectan á vida de toda a poboación, non só das persoas maiores. E abórdase desde Galicia, unha das sete rexións máis envellecidas de Europa (Eurostat) e onde a poboación maior supera o 23%, con provincias como Lugo e Ourense por encima do 30%.

 

Tema: Xeral
Fonte: Entremayores
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal