Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Mulleres usando ordenadores.

O Congreso insta ao Goberno a facilitar a presenza de mulleres na sociedade dixital e en proxectos TIC

Versión para impresiónSend by email
Madrid, 28/09/17 (10:35)
  • A Comisión de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital aprobou por unanimidade pedir ao Goberno que poña en marcha plans para reducir a fenda dixital de xénero e facilitar a presenza de mulleres na sociedade dixital e en proxectos de novas tecnoloxías

Así, todos os deputados da Comisión votaron a favor dunha proposición non de Lei, tras ser acordadas algunhas modificacións no texto, que pide ao Executivo que garanta que mulleres e homes se incorporen en condicións de igualdade de oportunidades á sociedade da información.

En concreto, reclaman un plan de igualdade específico para reducir a fenda dixital en materia de xénero, que facilite e promova unha maior presenza na sociedade dixital das mulleres como creadoras de contidos na rede e promotoras de proxectos TIC.

Ademais, ínstanlle a abordar o deseño de mecanismos de promoción e medición da participación das mulleres e nenas no acceso e uso das TIC, así como na capacitación, emponderamento e educación en competencias dixitais.

A iniciativa, presentada polo Grupo Socialista no Congreso, considera que a revolución 4.0 "chegou para quedar" e que os fenómenos da dixitalización e a robotización están a alterar os procesos de produción, de distribución e de consumo de bens e servizos en todos os sectores.

Así, advirte de que nos novos mercados que xorden, os "grandes actores tradicionais" ven a súa posición ameazada e aparecen novos modelos de negocio e financiamento.

"A igualdade entre mulleres e homes é un obxectivo básico para os estados democráticos actuais e está na base de calquera democracia que aspire á súa lexitimidade. Baixo estas directrices, as mulleres e os homes deben estar presentes nesta revolución dixital e débeno facer en igualdade de oportunidades", reclama a proposición non de lei aprobada.

Así mesmo, recoñece que a desigualdade da muller en España é "un feito recoñecido e amplamente contrastado" e advirte de que a fenda dixital de xénero aumentou en 2016 nos principais indicadores da enquisa de equipamento e uso de TIC do Instituto Nacional de Estatística, en contra da "tendencia histórica observada en anos anteriores".

En concreto, apunta que a diferenza entre a porcentaxe de mulleres e de homes que usaran Internet nos últimos 3 meses era de 3,9 puntos en 2016, mentres que en 2015 esta diferenza era de 3,2 puntos. Igualmente, a fenda agrándase se se ten en conta a intensidade e a frecuencia dos usos máis complexos ou profesionais das novas tecnoloxías.

En definitiva, observa que a fenda dixital por cuestión de xénero está en torno ao cinco por cento, o dobre doutros países da contorna. Por exemplo, en Estados Unidos, Francia ou os países nórdicos, a paridade de uso na internet "é un feito desde hai anos".

Doutra banda, tamén se aprobou por unanimidade outra proposición non de Lei que insta ao Goberno a crear un grupo interministerial para coordinar esforzos en materia de vivenda, medio ambiente e axenda dixital co obxectivo de impulsar as cidades intelixentes.

Así, a iniciativa presentada polo grupo parlamentario socialista, pide ao Goberno que defina un método e procedementos para elaborar unha Axenda Dixital Española nos municipios, en coordinación coa Rede de Cidades Intelixentes.

Ademais, a proposta expón a promoción da internacionalización das empresas españolas que desenvolven proxectos no ámbito das 'smart cities' así como a potenciar a imaxe de España e das súas cidades como líderes no desenvolvemento de iniciativas que promoven o benestar dos cidadáns.

Do mesmo xeito, a iniciativa propón ao Goberno que implante medidas para atraer capital para desenvolver proxectos de smart cities en cidades españolas e potenciar e posibilitar así mesmo o efecto arrastre das pequenas e medianas empresas como provedoras españolas en proxectos adxudicados a unha gran empresa española-ICEX INTEGRA.

Considéranse cidades intelixentes aquelas que contan cun sistema de innovación e de traballo en rede para dotarse dun modelo de mellora da eficiencia económica e política permitindo o desenvolvemento social, cultural e urbano.

Tema: Xeral
Fonte: CiberSur
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal