Indra e Fundación Universia lanzaron a II Convocatoria de axudas a proxectos de investigación aplicada ao desenvolvemento de tecnoloxías accesibles co obxectivo de promover o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas innovadoras que melloren a calidade de vida e a integración social e laboral das persoas con discapacidade.
A convocatoria diríxese a entidades pertencentes ao sistema universitario español, que poden presentar as súas propostas desde o 27 de setembro ao 25 de outubro na páxina web de Indra e no portal http://www.tecnologiasaccesibles.com.
Unha comisión de adxudicación, designada por Indra e Fundación Universia, elixirá as tres iniciativas que recibirán financiamento e que se darán a coñecer o 3 de decembro, coincidindo co día internacional das persoas con discapacidade, segundo informaron ambas as entidades nun comunicado.
Os proxectos deben ter unha duración máxima de 12 meses e estar dirixidos ao desenvolvemento de software, dispositivos, instrumentos ou equipos que poidan ser utilizados por ou para persoas con discapacidade, co fin de facilitar a súa actividade e participación na sociedade; protexer, apoiar, adestrar, medir ou substituír funcións/estruturas corporais e actividades; ou favorecer o acceso ao emprego, o seu mantemento ou mellora.
Ademais destes requisitos, para valorar os proxectos teranse en conta, entre outros criterios, a innovación e excelencia tecnolóxica da solución exposta, a súa viabilidade e transferencia real a produtos ou servizos que aínda non existan no mercado, a súa utilidade práctica nunha contorna real de inclusión laboral e o alcance do seu impacto, segundo o número de posibles beneficiarios e a posibilidade de internacionalizar a idea.
Tamén se terá en conta que o produto ou servizo proposto sexa gratuíto ou teña un custo reducido para os usuarios finais, así como que a solución sexa open source, é dicir, que utilice código de programación aberto, de forma que facilite a súa modificación e adaptación posterior.
Para garantir que as tecnoloxías desenvolvidas dean resposta a necesidades reais e para facilitar unha correcta execución, tamén se considerará de forma positiva a participación nos proxectos de investigadores ou alumnos con discapacidade, a colaboración de asociacións vinculadas ao mundo da discapacidade, así como a proximidade á rede de produción de software de Indra en España. Tamén se buscará potenciar sinerxias con outros proxectos de Tecnoloxías Accesibles apoiados ou desenvolvidos xa por Indra.
Rexístrate como: