Os creadores da empresa 'Mouse4all', Javier Montaner e José Ángel Jiménez, conseguiron ser finalistas na Competición Europea de Innovación Social por desenvolver unha panca que permite a persoas con discapacidade física empregar unha tableta ou pantalla táctil a través dunha panca.
'Mouse4all' é unha solución de accesibilidade creada por enxeñeiros españois que permite usar dispositivos táctiles Android a persoas que, por razón de discapacidade física, non poden manexar unha pantalla. Funciona "con só mover unha panca co mentón ou facer un clic nun pulsador coa cabeza", explicaron os desenvolvedores.
O seu proxecto foi elixido entre case 800 candidaturas de toda Europa e nace da man destes dous inventores, que se deron conta "de que a revolución dixital deixara fóra a millóns de persoas que non poden usar unha pantalla táctil", sinalou Jiménez. A súa creación pode ser empregada por persoas con parálise cerebral, lesión medular, tetraplexia, esclerose múltiple, ELA ou enfermidades neuromusculares.
Púxose á venda en España o pasado mes de xullo e, polo momento, xa revolucionou "a vida de persoas que, por primeira vez, puideron usar uns dispositivos cos que son capaces de comunicarse e interactuar, potenciando a súa autonomía e a súa autoestima", segundo o equipo de 'Mouse4all'.
Xunto con outros nove finalistas, os impulsores desta empresa realizarán a súa exposición final para competir por un dos premios de 50.000 euros, que recibirán os tres proxectos que o xurado considere máis innovadores. A cerimonia de entrega terá lugar en Bruxelas o próximo día 26 de outubro.
Rexístrate como: