Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Presentación do TEK-FEST.

A semana que vén Pontevedra celebrará a segunda edición do TEK-FEST

Versión para impresiónSend by email
Pontevedra, 22/09/17 (11:29)

O Museo de Pontevedra, sede principal do festival TEK-FEST, acolleu a presentación da segunda edición deste encontro de tecnoloxía e patrimonio que desenvolverase entre os días 25 e 30 de setembro cun completo programa de actividades. No seis días que dura esta iniciativa impartiranse obradoiros e conferencias, realizaranse encontros e incluso poderase asistir a performances sonoras no que será unha mostra das disciplinas que tocará o TEK-FEST este ano: a realidade virtual, a artesanía dixital, a fotografía inmersiva e a innovación aplicada aos tecidos. Estes ámbitos conectarán coa memoria da cidade de Pontevedra para amosar ao mundo a potencialidade de pór en valor o patrimonio a través de tecnoloxías emerxentes.

No acto de presentación, o concelleiro de Xuventude e Tecnoloxía, Alberto Oubiña, destacou que «se o ano pasado o lema do TEK-FEST era “a cidade do futuro”, este ano facemos unha viaxe inversa para conectar o pasado e o presente, sempre con esa idea de proxectar o futuro». Pola súa banda, o delegado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal, destacou «a necesidade de situarnos na vangarda para comprender o tempo que vivimos», salientando que a súa entidade aposta polo TEK-FEST como «unha iniciativa con percorrido que axude, a través da tecnoloxía, a estreitar a relación que a cidadanía ten co patrimonio cultural».

O director artístico do certame, Toño Cabanelas, subliñou a potencialidade que ten o uso do patrimonio nas tecnoloxías emerxentes. Cabanelas tamén é responsable do obradoiro de realidade virtual e patrimonio fotográfico que ten lugar no TEK-FEST, e do que sairá unha peza artística que se enviará a festivais internacionais especializados neste novo medio.

O TEK-FEST tamén achegará a Pontevedra a primeira Mostra Internacional de VR e Patrimonio, cunha selección de 6 pezas de realidade virtual, ás que sumaranse os resultados do obradoiro con imaxes 3D de Pontevedra.

O festival tamén renderá homenaxe aos pioneiros da tecnoloxía en Galicia, de xeito que este ano terán como protagonista ao finado inventor compostelán Juan Portela Seijo, inventor de aparellos electroacústicos como o Organ Sound, altofalante modular inspirado nos órganos da catedral de Santiago de Compostela.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal