Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou esta mañá na posta en marcha dun servizo de vídeo-interpretación para persoas xordas usuarias da lingua de signos nos establecementos que Carrefour ten na nosa comunidade.

A Xunta valora o traballo da Federación de Persoas Xordas e da Fundación Carrefour na supresión de barreiras de comunicación

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 19/09/17 (11:30)
  • O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asistiu hoxe á presentación do servizo de vídeo-interpretación para persoas xordas usuarias da lingua de signos
  • O titular de Política Social salientou que este tipo de iniciativas poñen de manifesto a importancia que ten a tecnoloxía para mellorar o benestar e a calidade de vida das persoas
  • A Administración autonómica colabora desde hai anos coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia a través do Cermi, con accións dirixidas á formación e á participación do voluntariado, e prestando apoio ao servizo de logopedia e atención psicolóxica da entidade

 

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou esta mañá na posta en marcha dun servizo de vídeo-interpretación para persoas xordas usuarias da lingua de signos nos establecementos que Carrefour ten na nosa comunidade. Trátase dunha ferramenta desenvolvida pola Fundación da Confederación Estatal de Persoas Xordas denominada ‘SVisual’ que está en funcionamento noutros centros de Carrefour no territorio nacional e que agora esta compañía implanta nos seus hipermecados situados nas sete grandes cidades de Galicia.

O acto de presentación, que tivo lugar no hipermercado Carrefour de Santiago de Compostela, asistiron tamén o presidente da Federación de Asociación de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg), Iker Sertucha, o director rexional de Carrefour para Galicia, Francisco Hipólito Rodríguez, e a directora da Fundación Solidariedade Carrefour, María Cid.

Na súa intervención, Rey Varela salientou que este tipo de iniciativas poñen de manifesto a importancia que ten a tecnoloxía para mellorar o benestar e a calidade de vida das persoas. Neste sentido, fixo fincapé que o ‘SVisual’ “se presenta como unha ferramenta útil para suprimir as barreiras de comunicación ás que a día de hoxe aínda se teñen que enfrontar as persoas xordas usuarias da lingua de signos”.

Así mesmo, o conselleiro lembrou que a Xunta leva anos traballando coa federación de persoas xordas, a través do Cermi, con accións dirixidas á formación e á participación do voluntariado; e prestando apoio ao servizo de logopedia e atención psicolóxica da entidade. “A unión de esforzos de administracións, entidades e iniciativa privada fai posible ter mellores políticas sociais”, apuntou.

A día de hoxe, un total de 77 hipermercados Carrefour contan con este sistema de vídeo-interpretación, que ten como finalidade mellorar a calidade de vida das persoas xornadas usuarias da lingua de signos. Unha rede á que se suman os establecementos que a compañía ten nas cidades de Santiago, A Coruña, Ferrol, Vigo, Pontevedra, Lugo e Ourense.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal