Saber até que punto as tecnoloxías poden supor un novo factor de exclusión social, unido aos que xa existían previamente (a procedencia do rural fronte ao urbano, a nacionalidade, a etnia, o sexo, a idade, etc) é un dos grandes obxectivos das I Xornadas internacionais IncluyeT, que veñen da man do grupo de investigación Stellae da Universidade de Santiago e que se celebran esta mesma semana, os días 13 e 14 de setembro, na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida). Os encontros, en palabras da organización, servirán para debater sobre a importancia de termos competencias dixitais en todos os ámbitos formativos e o papel que estas desempeñan na inclusión social dos cidadáns.
As xornadas están dirixidas á comunidade educativa, especialmente ao profesorado, persoal investigador, familias e crianzas. Outro dos obxectivos é crear un marco para partillar experiencias sobre como dar forma á competencia dixital, o papel da familia, a escola e a contorna e a súa importancia na inclusión/exclusión social. A asistencia é aberta e de balde, previa inscrición na web. Indo ás xornadas en cuestión, dicir que botan a andar mañá (mércores 13 setembro) ás 17 horas cun relatorio de Inés Dussel (profesora do Departamento de Investigacións Educativas do CINVESTAV-IPN, México) titulado A inclusión dixital desde a escola: significados, experiencias e perspectivas. De seguido realizaranse dous obradoiros encamiñados a nais, pais e profesorado, un centrado na creación de contidos e outro na seguridade na rede.
En canto á xornada do xoves 14, a sesión de tarde comezará coa presentación de experiencias docentes centradas no desenvolvemento da competencia dixital. Logo haberá unha mesa redonda coa presenza de investigadores/as da USC, Salamanca e a Autónoma de Madrid. Ás 19:45 h Jordi Adell (profesor da Universidade Jaume I de Castelló e director do Centre d''Educació i Noves Tecnologies desa cidade) encargarase de pechar o encontro coa conferencia titulada Cara a un docente dixital crítico.
Engadir que estas xornadas se atopan inseridas no marco do proxecto CDEPI (Competencia Dixital en estudantes de educación obrigatoria. Contornas socio-familiares, procesos de apropiación e propostas de e-inclusión) dirixido polo grupo Stellae e subvencionado polo Ministerio de Economía, Industria e Competitividade.
Rexístrate como: