Os avós xogan un papel clave en moitas familias xa que cumpren unha función educadora e de coidado cos seus netos. Sen a axuda dos avós, en moitas familias non sería posible a conciliación. Hai persoas que están unha parte significativa da xornada cos máis pequenos, durante o curso escolar estes tempos adóitanse concentrar polas tardes pero durante as vacacións adoitan variar e abarcar tamén as mañás.
Coñecedora desta realidade, Cruz Vermella aposta por desenvolver un programa que sirva de apoio e sexa de utilidade, tanto para os propios avós como para os pais, en termos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral.
O programa de Avós e Avoas Educadores púxose en marcha no outono do ano pasado e conta coa colaboración da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. Ofrecer un soporte social aos avós e avoas que exercen labores parentais, desenvolvendo unha acción preventiva fronte á tensión que leva a crianza e coidado dos nenos é o seu principal obxectivo. Na primeira edición constituíronse 18 grupos cun total de 210 participantes e na segunda, a previsión é formar 16 novos grupos con 160 participantes aproximadamente.
A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo son as cidades nas que leva a cabo este proxecto específico. Están a organizarse os grupos da segunda edición e aínda hai algunhas prazas dispoñibles polo que as persoas interesadas poden solicitar máis información ou apuntarse nas asembleas que Cruz Vermella ten nas localidades mencionadas.
Outra das finalidades do programa é proporcionar información e recursos ás avoas e avós para abordar situacións que se lles presentan cos seus netos no día a día. Trátase de conxugar toda a experiencia que xa teñen como avós (e pais) co coñecemento de realidades e tendencias máis ou menos novas para eles en temas como: tecnoloxía e redes sociais, resolución de conflitos e acoso escolar, ferramentas lúdico-educativas…
O programa está baseado nunha metodoloxía dinámica e consta de varias fases. A primeira é a fase grupal, denominada Escola, que ten un programa establecido e celébranse sesións con carácter semanal. Na fase individual trabállase de maneira personalizada con aqueles avós que así o soliciten e márcanse as citas necesarias. Ademais, hai unha fase grupal de axuda mutua (GAM) na que os participantes escollen aqueles temas sobre os que queren profundar.