A Federación Alzheimer Galicia (Fagal) deu xa o pistoletazo de saída á súa campaña para o Día Mundial do Alzheimer, que se conmemora o próximo 21 de setembro. O lema que utilizarán a federación e as trece asociacións galegas para este mes é “Recorda Quen Son”. Este lema nace da necesidade de centrar a mensaxe na persoa afectada polo alzhéimer ou outra demencia, así como mostrar a importancia de todas aquelas persoas que traballan para mellorar a vida das persoas cunha demencia (familiares, traballadores das AFAs, investigadores, médicos, etc).
Así, a través desta campaña, a federación quere facer máis visibles aqueles aspectos que considera que tanto as administracións públicas como a sociedade en xeral deben axudar a recoñecer: a defensa da dignidade da persoa con Alzheimer, respectando sempre a autonomía da persoa ao máximo; o recoñecemento dos dereitos das persoas con Alzheimer; o recoñecemento da figura da persoa coidadora e dos seus dereitos, recoñecendo o seu valor e visibilizando o seu labor ante a sociedade; e o recoñecemento do 33% de discapacidade de maneira automática para as persoas ás que se lles diagnostique Alzheimer ou outra demencia.
#RecordaQuenSon
A través das redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram) pódese seguir e apoiar a campaña baixo a etiqueta #RecordaQuenSon. Desde a Federación Alzheimer Galicia quérese animar aos usuarios das redes sociais a que publiquen unha fotografía da persoa que non quere esquecer ou ben unha fotografía imitando ao cartel da campaña, onde diante sitúese a persoa con demencia e detrás o resto de persoas. Así mesmo, para aquelas persoas que non desexen publicar unha fotografía propia, estará dispoñible na páxina web un persoal descargable coa fotografía de campaña para apoiala.
Doutra banda, estará dispoñible na súa canle de Youtube un vídeo realizado con motivo desta campaña, que contou coa colaboración desinteresada de actrices e actores profesionais.
II Andaina Solidaria
Como acto central da campaña, Fagal organiza a II Edición da súa Camiñada Solidaria, que terá lugar o próximo 16 de setembro en Santiago. Esta actividade empezará ás 11 horas no Monte do Gozo e percorrerá o último tramo do Camiño ata o Parque de Bonaval, onde se realizará un acto no Espazo da Memoria, emprazamento inaugurado o pasado ano en recordo das persoas con alzhéimer e as súas familias. Esta camiñada, á que acudirán traballadores das AFAs e coidadores, está aberta á cidadanía, que pode inscribirse no teléfono 981 595 121 ou na web "www.fagal.org".
Esta campaña, así como os datos da situación do alzhéimer en Galicia, presentarase nunha rolda de prensa que terá lugar o martes 12 de setembro no Auditorio da sede de Afundación, en Rúa do Vilar, ás 11 horas.