A Asociación Boa Vida estreou onte a súa actividade estrela de inicio de tempada, a VI Escola de Verán, que leva xa seis edicións realizándose co obxectivo de transmitir información tanto ás persoas en exclusión social como a todos aqueles cidadáns que queiran coñecer como funciona un voluntariado.
Esta actividade, financiada pola Xunta de Galicia, Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado empezaba onte á mañá na aula CeMIT con 15 persoas que non utilizaban habitualmente os seus teléfonos móbiles máis que para facer chamadas e enviar mensaxes, por tanto, neste curso aprenderon a utilizar os seus teléfonos móbiles para entrar nos seus respectivos correos electrónicos ademais de coñecer así todas as novidades do voluntariado da Xunta e poder así melloralo.
Os participantes realizaron diferentes actividades como darse de alta na aula CeMIT para conseguir a alfabetización dixital e a inclusión tecnolóxica, así como os cursos e charlas que se van a impartir. Por outra banda, cada membro creou o seu propio perfil na páxina de voluntariado da Xunta, proporcionándolle este perfil unha axuda para coñecer todo tipo de información que proporciona a páxina sobre o voluntariado e outras actividades que se realizan.
Realizouse ás sete e media da tarde no mesmo local no que se atopa a tenda, na rúa Santa Clara 35, unha mesa redonda formada pola Deputada de Cohesión Social e Mocidade Digna Rivas, e a coordinadora da Asociación Boa Vida, Pepa Vázquez. Nesta presentouse a evolución do traballo realizado ata o momento no proceso de creación da empresa de inserción "Boa Vida Trapera", así como a situación na que se atopan as empresas de inserción en xeral. Contaron á súa vez cun público formado por 15 persoas que interviñeron nas cuestións que foron expostas, colaborando case todos.
Hoxe seguirá a "Escola de Verán" afondando no tipo de voluntariado que se necesita nas empresas de inserción "este tipo de voluntariado é distinto a outros, non é o mesmo ser voluntario e acompañar a alguén ao médico, que ser voluntario para acompañar a alguén que está a aprender a traballar" destaca a coordinadora da asociación Pepa Vázquez. Presentarán as pautas básicas para que aquelas persoas que queren facer voluntariado no mercado de inserción coñezan cales son os pasos que teñen que seguir para acompañar ás persoas que están en situación de exclusión ou de pobreza.
Rexístrate como: